POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Marta Abal destaca que a consolidación do galego nos medios de comunicación é fundamental para a súa supervivencia

05/02/2022 A concelleira de Economía e Modernización da Administración Local, Marta Abal, participou hoxe no "Día dos medios en galego. Bota a lingua a pacer", organizado por AMEGA, a Asociación de Medios en Galego. Na súa intervención, Abal destacou que a consolidación do noso idioma nos medios de comunicación "é fundamental para a súa supervivencia".

Marta Abal recordou que "os medios de comunicación forman parte do proceso de socialización das nenas e nenos e da xuventude deste país. E a día de hoxe, as mensaxes que lle chegan a través deses medios, están, na súa maior parte en castelán". Tamén apostou, na súa intervención, por potenciar os contidos en galego en ámbitos menos tradicionais como "a investigación, á ciencia, ás matemáticas, ou os ámbitos empresarial, político ou xudicial" porque "é fundamental para a súa supervivencia".

A concelleira lembrou que "o concello de Santiago foi un dos pioneiros en actuar a prol da normalización lingüística, aló polos anos 80. Desde entón sigue actuando e pondo en marcha distintas accións, tanto no ámbito do funcionamento interno, como de cara a sociedade. E faino tanto neses espazos máis tradicionais, dos que falaba, como no ámbito empresarial ou socioeconómico, fundamental para empoderalo e consolidalo nas novas xeracións".

O "Día dos medios en galego" é o luns, 7 de febreiro. Pero a celebraración, baixo o lema "Bota a lingua a pacer", adiantouse a hoxe. Comezou cun roteiro, durante o que interviron Antón Baamonde, Bieito Iglesias e Anxos García Fonte. A continuación, xa na Praza de Cervantes, os Quinquilláns representaron a peza "Language Planning, baseada nun dos relataos de Made in Galiza de Séchu Sende. Seguiulle a actuación da poeta Rosalía Fernández Rial para dar paso, inmedatamente despois, ás intervencións de Marta Abal, María Muíño, deputada de Política Lingüística da Deputación da Coruña; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, e o xornalista Manel Pardo, membro de AMEGA.

Compartir: