MEDIO AMBIENTE

O Concello lanza a iniciativa #1Cole1Bosque, dentro da campaña "Vota Carballo"

05/02/2022 O Carballo de Conxo está a competir durante este mes de febreiro no certame Tree of the year para converterse na árbore europea de 2022. No marco desta campaña o Concello de Santiago está a realizar unha serie de iniciativas co obxectivo de pór en valor e incrementar os espazos naturais cos que xa conta a capital de Galicia. Nesta ocasión anima os colexios do municipio a sumarse á campaña e así poder contar cun bosque bautizado co nome do propio centro.

Cantos colexios hai no mundo que teñan o seu bosque? Plantar un novo bosque e que leve o nome dos centros escolares da cidade vai ser posible grazas á iniciativa #1Cole1Bosque. O obxectivo, contribuír na sustentabilidade do municipio e na mellora da calidade do aire que respirarmos mentres axudamos ao Carballo de Conxo.

EN QUE CONSISTE #1COLE1BOSQUE?
A campaña "#1Cole1Bosque" está no marco das actuacións de valorización do patrimonio natural con motivo da votación internacional que escollerá a mellor árbore de Europa. Deste xeito, o Concello de Santiago propón una iniciativa ambiental aos colexios:

- Lanzarase un reto colectivo a cada centro: votar conxuntamente todos os integrantes polo Carballo do Banquete de Conxo no concurso europeo "Tree of the year". Haberá que facelo nunha franxa de tempo determinada, cun máximo de 3 horas.

- Se o centro logra o reto, o Concello plantará un novo bosque, que levará o nome do colexio. O tamaño do bosque dependerá do número de votos que sumen e haberá dous tipos: de máis de 500 árbores e de máis 1000 árbores.

Aqueles centros que xunten menos de 500 votos contarán igualmente cunha plantación pero esta entrará no resto que está repartida pola cidade. O límite serán as 100.000 novas árbores autóctonas comprometidas ata 2030.

Votación aberta ata o 28 de febreiro
A votación para apoiar o Carballo de Conxo está aberta ata o último día deste mes. Para votar cómpre facer o seguinte:

1. Accede á ligazón para ir á páxina do concurso.

2. Para poder votar, debes seleccionar DÚAS ÁRBORES. Que unha sexa o Carballo do Banquete, e outra que che guste (das candidatas que teñan menos votos, claro).

3. Click sobre "¡Vamos a votar!", onde debes introducir o teu email e confirmar polo menos a súa política de protección de datos.

4. Verificar o email, pulsando sobre a ligazón que che envían para que o voto sexa válido.

5. Xa está! Agora, podes repetir o proceso con outro email ;)

O Carballo de Conxo ten unha gran historia
Este histórico carballo naceu coa Ilustración. Foi testemuña en 1856 do Banquete Democrático de Conxo, acto revolucionario que reivindicou os ideais da nova Europa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade.

Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. O bosque que o acolle, ao pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ao público en 2018 cunha gran festa popular tras permanecer inaccesible durante máis dun século.

Documentos relacionados



Compartir: