ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal ofrece un novo concerto baixo o título "Sinfonía de Culturas" dentro do ciclo "Rutas e Sinfonías"

03/02/2022 O Auditorio de Galicia inaugura este domingo un ciclo de concertos dedicados ás sinfonías como expresión formal de gran eclecticismo e liberdade compositiva, con pezas de Kees Vlak, Percy Aldridge Grainger, Michele Mangani e Adam Gorb.

No marco do Ciclo II "Rutas e Sinfonías" da temporada 2021-2022 "Camiños Sonoros", a Banda de Música Municipal de Santiago ofrecerá o próximo domingo 6 de febreiro ás 12:00 h no Auditorio de Galicia, o espectáculo "Sinfonía de culturas", dentro da liña de programación adicada a este tipo de composición musical, coa que se recupera o repertorio orixinal de banda, escrito principalmente nos séculos XX e XXI.

Neste primeiro concerto de Sinfonías no Auditorio, o programa pretende amosar diversas culturas, partindo da idea do compositor holandés Kees Vlak que escribe unha sinfonía que recolle a linguaxe romántica e o folklore da "Selva Negra" e das montañas do Tirol. En contraposición a esa estética romántica, o cosmopolita Percy Grainger aporta unha das obras de maior vangarda da década de 1930, que reflicte o folklore na rexión de Lincolnshire (Reino Unido) para expoñela dende unha estética desnuda e realista, cunha linguaxe sonora provocadora.

O virtuoso solista de clarinete da BMSC protagonizará a interpretación das Tres danzas latinas, escritas polo italiano Mangani, pero que nos traslada ao folklore latinoamericano. O programa péchase na pluma do inglés Adam Gorb, que escribe unha obra en 5 partes que mostran a música popular e o sentimento máis expresivo da cultura xudea, que tan perseguida estivo durante o século XX.

Entradas

A entrada é de balde e obrigatoria para o acceso por mor do control dos aforos. Os billetes poden adquirirse, de xeito gratuito, na web compostelacultura.gal; na zona C (de martes a sábado); ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo.

Compartir: