ACCIÓN CULTURAL

A Zona C acolle a primeira das catro intervencións artísticas que ocuparán o espazo neste 2022

01/02/2022 'Ausencias, Esencias, Presencias. Diálogos a través dunha reflexión sobre o corpo' foi o proxecto seleccionado na modalidade de Comisariado da convocatoria de intervencións artísticas para a Zona C en 2022. A exposición, comisariada por Aldara Vázquez e Iris Rodríguez, inaugurarase mañá mércores ás 20:00h no espazo multidisciplinar da praza de Cervantes. En Creación Artística foron seleccionados ‘El jarrón infinito’ de Mar Ramón Soriano, ‘Sequitur’ de Julia Huete e ‘Da túa man pra miña’ de Fran Rodríguez Casal mentres que ‘Sem grana e sem frescura’ de Constanza Garabatos Funes foi o elixido en Creación Literaria.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta mañá na Casa do Concello, os proxectos seleccionados na convocatoria de intervencións artísticas para a Zona C neste ano, 2022. O primeiro deles, 'Ausencias, Esencias, Presencias. Diálogos a través dunha reflexión sobre o corpo', será inaugurado mañá, mércores 2, ás 20.00 h e por iso estaban tamén na rolda de prensa as comisarias Aldara Vázquez e Iris Rodríguez.

O proxecto curatorial foi o seleccionado por un comité de expertos, de entre os tres presentados na modalidade de Comisariado e está dotado con 7.000 euros. Durante o 2022 a Zona C acollerá tamén os traballos da creación máis nova que precisa de espazos alternativos onde desenvolverse e que foron os seleccionados de entre os 18 presentados na modalidade de Creación Artística: 'Da túa man pra miña' do artista Fran Rodríguez Casal, 'El jarrón infinito' de Mar Ramón Soriano' e 'Sequitur' de Julia Huete, cada un deles dotado con 5.000 euros. Xunto a estes artistas, no terceiro andar teremos, de maio a xuño, unha residencia de creación literaria que acadou Constanza Garabatos Funes, única presentada, con ‘Sem grana e sem frescura’, e dotada tamén con 5.000 euros.

O xurado que seleccionou as propostas, nas tres categorías, estivo formado por María Jesús Villar Iglesias, directora da Galería Nordés; José Eduardo López Valiña, conservador-xefe da Fundación Eugenio Granell; e María Jesús Busto Castiñeiras, responsable de exposicións e actividade cultural do Auditorio de Galicia. Ao longo do ano, segundo se vaian inaugurando, iranse presentando ao público cada unha delas.

‘Ausencias, Esencias, Presencias’

Ausencias, Esencias, Presencias, expón a necesidade de reivindicar o corpo humano como elemento de reflexión artística. As temáticas relacionadas co corporal son extremadamente vixentes na actualidade, visibilizando colectivos como o LGTBIQ+ amósanse corpos lonxe do normativo, reivindicando outras formas de expresión moi poderosas. As comisarias seleccionan a cinco artistas, todas están a cursar o último ano de Belas Artes en Pontevedra, polo que esta intervención significa un importante apoio nas súas carreiras. Con Raquel Álvarez, Marina Aradas, Tamara Goberna, Andrea Mosquera e Lucía Perdiz, percorremos, no primeiro e segundo andar da Zona C, pezas que desde diferentes medios expresivos – videocreación, fotografía, escultura, serigrafía– reflexionan sobre as relacións interpersoais, o corpo posto en relación co espazo habitado, o corpo repousado, como representación do cotiá ou como vehículo de expresión de impulsos internos. Novas formas de ver e de sentir. Tanto para as comisarias como para as artistas participantes, esta iniciativa supón un comezo na súa andadura profesional.

Aldara Vázquez Estévez

Aldara Vázquez (Vigo, 2000) comezou a súa formación artística no 2016 cursando o Bacharelato de Artes que rematou no 2018, ano no que tamén comeza a estudar o Grao en Belas Artes, que está a rematar neste mesmo ano. A súa traxectoria artística xa conta con exposicións coma: Casa da Xuventude (2018), Sen Moldes III (2019), Mulleres (Rur) Urbanas (2020) e Amor, xénero e outras violencias. Tamén conta con premios e bolsas que avalan a súa profesionalidade nos ámbitos académico e artístico: Primeiro premio no concurso de pintura PintaTui (2017), Premio de Excelencia Académica Grao Xunta de Galicia polo primeiro ano de Grao (2020), Bolsa de Formación en Centros Universitarios na modalidade de Risografía (2021) e Bolsa de Colaboración en Departamentos Universitarios na que está a traballar na actualidade.

Iris Rodríguez Justo

Iris Rodríguez nace en Vigo en 1997. Dende temprana idade interésase polo mundo da arte e comeza a súa carreira artística participando en diversas mostras colectivas no Castelo de Soutomaior. Entre os anos 2016 e 2018 estuda na Escola de Arte Superior e Deseño Mestre Mateo na especialidade de Técnico Superior de artes plásticas e deseño en Técnicas Escultóricas. Nese mesmo ano, como prácticas do ciclo superior, comisaría unha exposición na Galería Olalab (Pegadas na materia) en Santiago de Compostela. Actualmente cursa o derradeiro ano do grao en Belas Artes na facultade de Pontevedra.

Compartir: