SAÚDE

O Concello lanza en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro a iniciativa "En marcha" para fomentar a vida activa a través de rutas saudables

01/02/2022 A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, acompañada por Francisco Pais López e Lucía Álvarez-Santullano, presidente e técnica de Atención Psicolóxica e Prevención e Promoción da Saúde da AECC de Santiago, presentaron esta mañá en rolda de prensa o proxecto Rutas Saudables, unha proposta de andainas para favorecer a creación de hábitos saudables e contribuir á prevención do cancro.

Durante a presentación, a concelleira Mila Castro destacou a importancia desta actividade "que pretende por unha parte mellorar a calidade de vida das persoas que conviven co cancro e por outra favorecer a prevención desta enfermidade a través da vida activa e explicou que se trata dun "itinerario sinxelo dunha duración aproximada dunha hora", dirixida a "todo o mundo, tamén a aquelas persoas que non adoitan facer deporte".

O primeiro itinerario terá lugar este domingo 6 de febreiro ás 12:00 h co Multiúsos Fontes do Sar como punto de partida e remate no parque Eugenio Granell. Esta actividade repetirase de maneira quincenal ata o 10 de xullo ofrecendo os seguintes itinerarios: Carme de Abaixo - carballeira Zeca Afonso, parque Eugenio Granell - Banquete de Conxo, parque Carlomagno - San Lázaro, parque de Belvís - parque Eugenio Granell e xardín de Fonseca - carballeira de San Lourenzo. Todas as andainas estarán dinamizadas por voluntariado formado especificamente para esta actividade e será necesaria a inscrición previa no teléfono 981576479 ou a través do correo electrónico santiago.compostela@contraelcancer.es.

Pola súa parte, o Concello de Santiago, tal e como recolle o convenio asinado polas dúas entidades o pasado mes de novembro, encárgase do deseño e difusión das rutas, e tamén contribuirá á súa posta en marcha grazas á cooperación entre o voluntariado do Concello e o da AECC para a dinamización da actividade e colaboración do persoal de seguridade (Policía Local e/ou Protección Civil) para garantir a seguridade da ruta.

Promoción de hábitos saudables

En España, o 44,4% da poboación de 15 o máis anos non fai exercicio e ocupa o seu tempo de ocio de forma sedentaria. Esta falta de actividade física é un dos catro factores de risco máis importantes para a saúde xa que é a causa do 6% das mortes en todo o mundo, incrementa o risco de cancro de colon e mama entre un 20-25%, e incrementa o risco de diabetes e de cardiopatía isquémica nun 30%.

Por todo isto, o proxecto de colaboración entre o Concello e a AECC Santiago busca abrir e potenciar un espazo de actividade física periódico que contribúa á creación dunha rutina a longo prazo que poida ter un impacto positivo na saúde.

Compartir: