XUNTA DE GOBERNO

O Concello achega preto de 270.000 euros a dez entidades deportivas de Compostela

23/12/2021 A Xunta de Goberno extraordinaria aprobou hoxe dez convenios de colaboración por un importe total de 269.000 euros con diferentes asociacións e federacións deportivas da cidade. Tamén tomou conta da axuda de 15.000 euros para sufragar o convenio de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta da información en rolda de prensa.

As subvencións dedicadas a financiar os convenios aprobados distribuíronse deste xeito entre as diferentes entidades deportivas: Federación Gallega de Judo y Disciplinas Asociadas, 6.000 €; Club Ciclista Compostelano, 6.000 €; Club Triatlón Santiago, 20.000 €; Federación Gallega de Kárate y D.A. 6.000 €; Club Victoria de Santiago de Compostela, 10.000 €; Club Atletismo Santiago, 9.000 €; Obradoiro Club Amigos de Baloncesto, S.A.D, 120.000 €; Club Sociedade Deportiva Compostela, 65.000 €; Club Arteal Tenis de Mesa, 12.000 €; e Federación Gallega de Atletismo, 15.000 €.

A Xunta de Goberno tamén tomou conta da sinatura do convenio de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) por importe de 15.000 euros. En total, os convenios de hoxe chegan á cifra de 284.000 euros.

Outros asuntos
Na rolda previa á celebración do Nadal, o alcalde de Santiago quixo facer un novo chamamento á responsabilidade individual ante o aumento de casos de covid: "desexo que todos os composteláns e compostelás desfruten destas datas pero tamén que todos procuremos actuar con prudencia". O rexedor lembrou que non "podemos descargar a nosa responsabilidade nos efectivos policiais", que, non obstante, seguirán vixiando o cumprimento das medidas establecidas. Sobre a festa de fin de ano e a cabalgata, Sánchez Bugallo indicou que se agardará á semana que vén para tomar unha decisión definitiva.

Tamén fixo unha referencia ao último pleno deste ano, celebrado onte. Salientou o anuncio realizado durante o transcurso do mesmo polo concelleiro José Manuel Pichel de destinar nos vindeiros orzamentos un millón de euros para a mellora dos viais no rural. "A maiores do POS, no que o Concello achega o 40% e a Deputación, o 60%, e o incremento en 250.000 euros da partida para o mantemento de pistas", engadíu.

Sánchez Bugallo lembrou a intención do goberno de levar a pleno en xaneiro a aprobación dos orzamentos para o vindeiro ano, "absolutamente necesarios para abordar a saída da covid e a necesaria financiación propia vinculada aos fondos europeos".

Compartir: