MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local estrea nove vehículos

21/12/2021 A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación dos novos vehículos rotulados cos que vai contar dende hoxe a Policía local de Santiago: 8 turismos Seat Ateca e 1 todoterreo Land Cruiser. Ao acto asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños; e o xefe da Policía Local, José Ramón Silva.

Durante o acto o alcalde destacou o compromiso do Concello con dotar ao corpo policial dos "medios técnicos máis idóneos para que poidan cumprir o mellor posible a súa misión". Ademais anunciou a incorporación o próximo ano de novos vehículos eléctricos que contribuirán a modernizar a frota existente.

Na mesma liña, o concelleiro Gonzalo Muíños xustificou a necesidade dunha frota renovada "non só para traballar nas mellores condicións" senón porque tamén son a "imaxe da cidade xa que están 24 horas en circulación".

Novos vehículos

Os nove vehículos empregaranse para as tarefas da unidade operativa, servizo nocturno ou medio ambiente, entre outros. Foron adquiridos mediante a modalidade de arrendamento con mantemento por un orzamento total de 491.000 euros (431.000 os oito turismos e 60.000 o todoterreo).

Os turismos substitúen a outros tantos Ford Focus, que se retiran con preto de 200.000 quilómetros percorridos tras cinco anos de servizo.

Na actualidade, a Policía Local conta cun parque móbil composto por 15 turismos rotulados, 4 sen rotular, 2 vehículos mixtos, 3 todoterreos e 4 motocicletas. En total, 28 vehículos.

Compartir: