XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba, de xeito provisional, o documento reformado do Plan Parcial de Ordenación do SUND 8 en Monte Vidán

20/12/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, de xeito provisional, o documento reformado do Plan parcial de ordenación do SUND-8 (Monte Vidán), cunha edificabilidade máxima de 33 vivendas. Tamén se tomou coñecemento da providencia que tiña por obxecto o requirimento de regularización para autorización de tránsito á canteira de Miramontes, e que lle da a razón ao Concello no control de vehículos de circulación de gran tonelaxe. Na práctica significa que non van poder pasar os camións de máis de 5,5 toneladas. Dos acordos adoptados na reunón do executivo municipal deu conta o secretario da Xunta de Goberno Local, Sindo Guinarte.

O documento reformado do Plan parcial de ordenación do SUND-8 presentouno Santiago Sur Galicia, o 13 de decembro de 2021. Nel incorpóranse as seguintes modificacións sobre o que fora inicialmente aprobado o 21 de outubro de 2019:

1. Inclúese no Catálogo do Plan parcial o antigo transformador modernista existente na confluencia das rúas de Vidán e Mestra Vitoria Míguez, co nivel de protección ambiental.

2. De conformidade co regulado no artigo 12.2 da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, no plano de ordenación P ORD 08 figura delimitado o 45 da mesma lei.

3. Defínese na normativa (7.4) o réxime urbanístico aplicable aos terreos excluídos da área de reparto (números 3 e 15 da rúa de Vidán), que quedan coa categorización de solo urbano consolidado e suxeitos á ordenanza 5 do PXOM, coas limitacións derivadas da protección do ben catalogado.

4. A reserva obrigatoria de vivenda protexida, cunha superficie edificable de 938,32 m2c, emprázase na parcela R2.

5. Incorpóranse o Estudo de sostibilidade económica e a Memoria de viabilidade.

6. Reflíctese na normativa (7.1) o deber dos propietarios de constituírse en Entidade Urbanística de Conservación, durante o prazo de quince anos, a contar dende a recepción completa da urbanización do polígono.

Ademais, a Xunta de Goberno Local acordou abrir un novo trámite de información pública sobre as modificacións propostas, durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia. Simultaneamente practicarase citación persoal a todos os propietarios dos terreos afectados que figuren no Catastro, e, de ser o caso, publicarase edicto no Boletín Oficial do Estado. Así mesmo, practicarase notificación á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

Área SUND-8
A área SUND-8 está localizada no Monte Vidán. Ten unha superficie de 20.851 metros cadrados, cunha superficie máxima edificable de 6.255 metros cadrados, a metade destinados a vivenda e a outra metada a residencial.

Na Xunta de Goberno Local tamén se tomou coñecemento da providencia cuxo obxecto era o requirimento de regularización para autorización de tránsito á canteira de Miramontes, favorable ao concello. Na reunión do executivo municipal acordouse remitila ao Servizo de Tráfico para o seu coñecemento e trámites que procedan. A súa execución implica a non autorización para transitar por esa estrada dos camións de máis de 5,5 toneladas.

Tamén se de conta do auto do 20 de novembro de 2021 polo que se cancela a inscrición rexistral a favor do Concello sobre a igrexa, capela do Rosario e cemiterio de San Domingos de Bonaval. Este auto dítase en execución da sentenza do ano 2000 que declarou que aqueles bens eran propiedade do Arcebispado. Aínda que poida parecer que a o auto é prexudicial para o Concello, o certo é que o beneficia, pois facilita o cumprimento da sentenza ao permitir que o Arcebispado rexistre os bens ao seu nome sen necesidade de que o Concello tramite unha segregación (moi complicada desde o punto de vista xurídico).

A maiores, tomouse coñecemento do auto do 24 de novembro de 2021 polo que se rexeita a petición para declarar rematado o procedemento PO 104/2021 ao entender que a súa actividade (canteira de Santasmarinas) fora legalizada coa comunicación previa que presentara no seu momento. O Xulgado considera que a actividade non foi legalizada e por iso entende que o procedemento de restauración da canteira debe continuar. A do Xulgado é a tese do Concello, que sempre mantivo que a presentación da comunicación previa non implicaba por si mesmo a legalización da actividade.

COGAMI

A Xunta de Goberno Local tamén acordou conceder licenza de obra nova a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), para a construción dun edificio de oficinas e estacionamento, proxectado como sede central da entidade, na rúa Vicente Risco, situada no SUNP-4 das Cancelas. A obra tería un orzamento de execución material de 2.514.067 euros.

As actuacións consistirán na construción dunha edificación de cinco plantas, cunha superficie construída total de 3.792 metros cadrados (superficie útil de 3.379 metros cadrados), cunha altura máxima de 12 metros.

Por outra banda, nunha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada ás dúas da tarde, deuse luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e COGAMI, cun importe de 15.000 euros, para a realización de actividades destinadas persoas con discapacidade.

Outros acordos

En materia de contratación, acordouse a adxudicación das obras de "Estabilización de noiro e acondicionamento e mellora no vial na rúa do Bidueiro (Vidán)" á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, SA., ao ser a súa, a mellor das ofertas presentadas. En concreto, ofertan un prezo de 153.328,60 euros, IVE engadido e comprométense a ampliar o prazo de garantía por un período de 5 anos, sobre o mínimo establecido no prego; un aumento do orzamento de control de calidade dun 2% sobre o 1% obrigatorio; e a un aumento do orzamento do programa de actuación ambiental dun 2% sobre o proxectado.

Por outra banda, acordouse autorizar o inicio dos trámites para proceder a recepción das obras de "Execución do proxecto de Rexeneración do pavimento da calzada da Avda. de Asturias". Unhas obras que, destacou Sindo Guinarte, se realizaron en tres meses cando o prazo de execución era de catro.

Compartir: