MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local realizou 1390 probas de alcol e drogas a pasada semana, cun resultado de 60 positivos

20/12/2021 Durante a pasada semana, do 3 ao 18 de decembro, a Policía Local adheriuse á campaña de vixilancia e control da taxa de alcol e outras drogas promovida pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Os/as axentes realizaron 1390 probas, cun resultado final de 60 positivos.

En total, a Policía Local efectuou 1353 controis de alcolemia, cun balance final de 50 positivos (o 3,70%) e 1303 negativos (96,30%). No caso da presenza de drogas, os/as axentes realizaron 37 probas, das que 10 deron positivo (o 27,03%) e 23, negativo (72,97%).

Ningún condutor se negou a efectuar as probas e todos os resultados positivos, tanto de alcol como de drogas, foron tramitados por denuncia administrativa.

Conducta multiplicadora dos riscos
A presenza de alcol durante a condución, dependendo da taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. Esta substancia non só está relacionada cos accidentes, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

En calquera caso, aínda con taxas de alcolemia dentro das marxes legais permitidas, o noso nivel de risco de accidente de tráfico pode verse incrementado. A única taxa segura é 0,0%.

Por outra parte, conducir despois do consumo de substancias psicoactivas é un feito preocupantemente frecuente, sendo o cannabis (THC) e a cocaína as máis habituais. Os opiáceos e as anfetaminas teñen unha presenza menor. O consumo simultáneo de substancias demostrouse coma un comportamento de extremo risco viario.

Compartir: