ALCALDÍA

O alcalde, "francamente satisfeito" co avance do Polo Biotecnolóxico de Galicia

17/12/2021 Xosé Sánchez Bugallo amosou a súa satisfacción polo avance do Polo Biotecnolóxico de Galicia, cuxo proxecto foi presentado o pasado luns. O rexedor recalcou que o inicio das obras é un "paso decisivo" nunha "actuación primodial e estratéxica para Santiago".

O Concello de Santiago outorgaba a licenza de obras o pasado 2 de agosto e ese día autorizou a cesión da parcela por 25 anos, prorrogables ata 75. "Concluía unha tramitación administrativa complexa e innovadora", sinalou Sánchez Bugallo, que precisou tamén que o pleno declarase a iniciativa de interese xeral.

"Cremos que é unha actuación primordial e estratéxica para Santiago", abundou o rexedor, que sinalou que "a nosa aposta é seguir avanzando no perfil de cidade investigadora e no perfil industrial", co obxectivo de "transformar esa investigación en industria e en actividade económica". Tamén manifestou o seu desexo de que se instalen no Biopolo "moitas empresas relacionadas coa investigación e o sector biotecnolóxico".

Covid
O rexedor referiuse, así mesmo, ao avance da covid na cidade: "en 7 días pasamos de 192 a 335 casos activos, un 74% máis", polo que reiterou o chamamento á responsabilidade e a que acodan vacinarse os que aínda non o fixeron. Sánchez Bugallo insistiu na necesidade de "manter a vixilancia", algo que a Policía local de Santiago leva facendo durante toda a semana nos locais hostaleiros. "De momento, están sendo visitas pedagóxicas", sinalou, "pero con carácter inmediato pasarase a denunciar" no caso de que se detecten incumprimentos das medidas impostas pola autoridade sanitaria.

Outros asuntos
Na comparecencia, Sánchez Bugallo tamén se referiu a outros asuntos. Indicou que este luns asistirá á viaxe inaugural do AVE a Galicia e que agarda concretar a reunión da comisión de seguimento da Intermodal.

Sobre as obras de Concheiros, reafirmou o compromiso acadado co sector comercial do barrio de realizar actividades de dinamización tanto nestas datas como o ano que vén, unha vez rematen os traballos.

Compartir: