OBRAS

Os traballos de rexeneración asfáltica e mantemento realizados este ano pola Concellaría de Obras permitiron renovar o firme dunha vintena de rúas da cidade

16/12/2021 O concello de Santiago, a través da Concellaría de Obras, destinou, en 2021, case un millón e medio de euros, á rexeneración asfáltica e mantemento de viarios da cidade. Asfaltáronse unha vintena de rúas completas, ao mesmo tempo que se realizou un laborioso traballo de conservación do firme da zona urbana.

O concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, realizou un balance dos traballos de rexeneración asfáltica realizados na cidade con cargo aos orzamentos deste ano. Destacou os "asfaltados de vías tan importantes como a Avenida de Asturias ou Vía Édison"; a rexeneración asfáltica en varios puntos da cidade, dividida en dous lotes; así como o servizo de mantemento de viarios municipais.

Ao asfaltado da Avenida de Asturias destináronse 338.214 euros. Javier Fernández destacou que "esta obra contaba cun orzamento de 517.204 euros de licitación, pero foi adxudicada por importe de 338.214 euros. O prazo de execución era de 4 meses, pero fíxose en menos de 3".

O ámbito da actuación foi a totalidade desta rúa, que enlaza a Avenida do Cruceiro da Coruña, na rotonda de Meixonfrío, coa Avenida de Camilo José Cela, na glorieta de enlace co acceso ao Periférico SC-20 e á Autovía de Lugo, a A-54); incluíndo a glorieta pasante aos ramais de acceso a rúa da Campiña, e os ramais de acceso a rúa de Amio. Segundo explicou o concelleiro, "foi un acerto reaxustar tantos os anchos dos viais que pasaron de 3,50 m. a 3,25 metros, con obxecto de diminuír a velocidade dos vehículos e aumentar así a seguridade viaria neste tramo. Esta decisión tamén nos permitiu incorporar un arcén para bicicletas", incrementando a seguridade das persoas usuarias deste vehículo. A maiores, indicou, tamén se reacondicionou a "senda peonil para uso compartido, atendendo así a outras formas de mobilidade que están a aparecer".

En canto aos traballos de rexeneración asfáltica, contaron cun orzamento de 606.559 euros e permitiron renovar o firme dunha vintena de rúas completas en distintas zonas da cidade. O lote I adxudicouse á empresa Francisco Gómez S.A. por un importe de 299.109 euros. Entre as rúas asfaltadas figuran a rúa da Agriña de Amio, rúa da Ponte do Sar, rúa de Betanzos, rúa Viaducto da Rocha, ou a rúa das Barreiras. O lote II, adxudicado á empresa Galsur por 307.450 euros, permitiu actuar sobre rúas como a de Eslovenia, Suarribas, a rúa da Granxa do Castiñeiriño, ou a rúa de Torrente e Ponte da Rocha. Todas elas, subliñou Javier Fernández, "presentaban un estado deficiente que facía moi necesaria a súa reparación". O mesmo acontecía coa Vía Edison, a cuxo asfaltado se destinaron 120.000 euros. Unha parte desta cantidade foi subvencionada pola Xunta de Galicia.

Polo que respecta ao mantemento dos viarios municipais, investíronse 399.999,99 euros. Entre febreiro e decembro realizáronse 48 actuacións con asfalto en quente e 7 con rego asfáltico, ademais de atender ao bacheo puntual das fochancas que ían xurdindo nos viarios da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: