ACCIÓN CULTURAL

"A poesía dá a nota": proposta de festa para pechar o Respira!

17/12/2021 "A poesía dá a nota" é o título do recital que este ano clausurará o martes 21 de decembro no Teatro Principal de Compostela o festival Alguén que respira! 2021. Nesta edición, que se celebrou en catro xornadas desde o 21 de marzo, o respira! organizou un peche festivo con dous artistas de grande forza musical, o galego Projecto Mourente e o asturiano Rodrigo Cuevas, un dos artistas máis carismáticos dos xurdidos nos últimos anos en España. Ambos farán, respectivamente, un particular percorrido pola poesía galega e a asturiana.

O festival Alguén que respira! pecha o próximo martes 21 de decembro a súa edición máis longa cun programa de clara orientación festiva, "A poesía dá a nota".

Baixo este título agáchase unha das propostas máis singulares da cuarta edición do festival. O asturiano Rodrigo Cuevas e o galego Projecto Mourente serán os protagonistas do recital, producido polo propio respira! como medio de achegar mediante a linguaxe universal da música a poesía de Asturias e de Galicia.

Projecto Mourente preparou unha sesión de vinte minutos de duración na que interpretará composicións inéditas sobre textos de Francisco Cortegoso, Ana Romaní, Lois Pereiro, Lorena Souto ou Carlos Callón. O artista, unha das estrelas do pop electrónico galego, publicou tres discos, entre eles o lendario "Baixo os eucaliptus". A súa actuación no respira! é, en certo modo, un reencontro co público en directo, do que leva xa afastado varias temporadas.

Rodrigo Cuevas é un fenómeno da escena que se autodefine como "axitador folclórico". Para o festival preparou un programa especial baseado na poesía asturiana, tanto na popular como na de autor. Será unha ocasión única de velo e escoitalo nun espazo emblemático como o Teatro Principal en plena efervescencia do seu último traballo discográfico, "Manual de cortejo", que o convertiu para moitos medios no mellor artista do ano.

As entradas para o recital "A poesía dá a nota" poderanse retirar unicamente o mesmo día do acto, que se celebra o martes 21 de decembro a partir das 20,30 horas no Teatro Principal. Estarán dispoñibles desde as once da mañá na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C, situado na Praza de Cervantes. Tamén se poden retirar no despacho do propio teatro desde unha hora antes do recital. Por suposto, a organización do festival manterá de maneira estrita os protocolos anti-covid.

Unha edición entre solsticios e equinoccios

Ao longo do ano, e nas catro xornadas que articularon a edición do 2021 , o Alguén que respira! articulou un programa de esixente calidade e grande acollida por parte do público. Inaugurouse o 21 de marzo cun manifesto de Manuel Rivas, ao que seguiu ese mesmo día o recital 21 anos [+ ou -], unha panorámica de poetas nas distintas linguas peninsulares no equinoccio da súa primavera creativa. Pola lingua galega estiveron Belén Senín (Potecesures, 1999) e Iago González (Vilar de Barrio, 1999); polo éuscaro, Martín Bidaur (Toulouse, 1996); polo portugués, Maria Brás Ferreira (Lisboa, 1998); polo catalán, María Isern (Vic, 1994); e polo castelán Mario Obrero (Madrid, 2003).

O 21 de xuño celebrouse un programa dobre. Nas rúas desenvolvéronse as regueifas, coa participación de Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto, catro dos máis celebrados representantes do xénero ao que lle tributaba homenaxe o festival como recoñecemento da súa contribución á poesía oral galega. Pouco despois, xa no Teatro Principal, o poeta, músico e performer portugués Miguel Azguime interpretou a ópera salt itinerary, o seu espectáculo máis celebrado, unha refexión sobre a creación e a loucura.

Dobre foi tamén o programa do 21 de setembro, que se prolongou ao día 22 coa sección Atravesei a cerca. O 21 celebrouse o recital O ruído do lume (A palabra en combustión de dez poetas galegas), un dos acontecementos históricos do ano, coa participación de Olga Novo, Alba Cid, Yolanda Castaño, Luz Pichel, Elvira Ribeiro, Miriam Ferradáns, Eva Veiga, Luz Fandiño, Andrea Nunes e Chus Pato. O día 22, dentro de Atravesei a cerca, os afeccionados puideron visitar espazos que, de maneira habitual, non están abertos ao público, como o museo ao aire libre de Berto Leis, un ferreiro que creou unha sorprendente paisaxe nas hortas da Costa do Vedor. Completaron os escenarios do recital o xardín do restaurante A Maceta na rúa de San Pedro e a sorprendente terraza do centro sociocultural da Trisca, na Corredoira das Fraguas. Séchu Sende, Javier Peñafiel e a vasca Castillo Suárez foron os poetas que recitaron os seus poemas neste percorrido.

O festival

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.

Compartir: