TURISMO

O Belén de San Fiz de Solovio acada récord de visitantes con máis de 8.000 persoas en dúas semanas

16/12/2021 Trátase dunha das accións impulsadas por Turismo de Santiago no marco das actividades para consolidar o Nadal como atractivo turístico.

O concelleiro de Turismo e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, visitou esta mañá o Belén da Igrexa de San Fiz de Solovio, acompañado polo Arcipreste da cidade e administrador parroquial de San Fiz e Santa María Salomé, Don José María Pintos Recarey; a xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey; o belenista José Uzal, así como a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Turismo de Santiago posibilita un ano máis este Belén Tradicional, que neste 2021 se enriquece con 150 figuras rehabilitadas, dos anos 50 e doadas polo sacerdote da Igrexa de Santo Agostiño. Así, o nacemento conta con case 500 imaxes, todas feitas a man. O Belén é cedido e montado cada ano por José Uzal, e inclúe diferentes escenas, pezas en movemento e tamén iluminación e son, ademais de efectos especiais cos que nos sorprende cada ano (néboa, tronos, etc.). O Belén pode visitarse do 3 de decembro ata o 5 de xaneiro.

Durante o percorrido, Sindo Guinarte agradeceu o traballo do belenista e a implicación dos distintos colaboradores e expresou a súa satisfacción pola acollida que ten esta actividade cada ano.

Pola súa banda, a xerente de Turismo de Santiago destacou que, dende a súa apertura, pasaron pola igrexa de San Fiz máis de 8.000 visitantes, cumprindo, sempre, coas medidas de seguridade que limitan o aforo no interior. Así, dende o ano 2015 o Belén sumou xa máis de 140.000 visitas.

Neste senso, Flavia Ramil explicou que nestas primeiras dúas semanas de apertura, superánronse as cifras prepandemia no número de visitantes, cunha media de 700 persoas por día. Os picos de asistencia ocorreron durante a Ponte da Constitución. O domingo, día 5, achegáronse ao Belén 1.312 persoas.

O Belén artesanal de San Fiz exponse cada Nadal dende 2015, grazas ao belenista José Uzal. Esta organizado por Turismo de Santiago e conta coa colaboración do Arcebispado de Santiago, o Mercado de Abastos e o Colexio Maior de Santo Agostiño. Supón unha oportunidade única para contemplar o tímpano gótico do templo, que representa unha fermosa Epifanía ou Adoración dos Magos e o interior da igrexa, que permanece pechada ao público o resto do ano.

Documentos relacionados



Compartir: