COMERCIO

Mañá arranca o programa de dinamización comercial de Nadal no mercado de Salgueiriños

15/12/2021 As actividades de dinamización comercial deste Nadal visitarán tamén o mercado de Salgueiriños e o barrio de San Pedro cun variado programa de actuacións. Mañá, xoves 16, Pulpiño Viascón dará o pistaletazo de saída ás 12.00 h co espectáculo "Xouman" no mercado de Salgueiriños.

No mercado de Salgueiriños as actuacións continuarán os xoves 23 e 30 deste mes cos pasarrúas Elfos de Nadal e Nadal led. O programa na zona de San Pedro arrancará o día 23 e estenderase ata o 5 de xaneiro. O calendario completo pode consultarse ao pé desta noticia.

Actuacións
Galifunk: Concerto de Nadal

Un repertorio especial para un día especial con temas propios do Nadal. Galifunk ten como finalidade formar parte da cultura musical do país, dando un punto de vista diferente ao estilo de música ao que se soe asociar a súa formación instrumental, apostando sempre polo bo gusto e por sorprender con temas que nunca se esperarían dunha agrupación destas características, ofrecendo un espectáculo moi variado, interpretando temas onde predomina a improvisación, ritmos pegadizos e o virtuosismo.

Dani García: Gadalka

Gadalka é unha incrible cabina como as dos videntes e autómatas das feiras que poderás visitar en grupos reducidos onde atoparás unha máxica sorpresa. Trátase dun novo concepto de espectáculo de rúa onde a audiencia achégase a desfrutar dun microespectáculo con todas as garantías sanitarias. Maxia de preto no primeiro espectáculo de rúa 100% covid-free.

Brassica Rapa: Concerto de Fin de Ano

Un repertorio especial para celebrar o final de 2021. Brassica Rapa ofrecen un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal coa multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos do pop á música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Recollen sobre todo influencias das brass bands neoiorquinas, pero tamén das big bands ou das charangas tradicionais. As compoñentes veñen de distintos percorridos dentro do mundo da música, e de agrupacións coma Liska!, Banda Xangai, Timparrantela ou Biribirlocke.

Trío Detres: + Ritmo

Temas propios, versións de cancións populares, divertidos arranxos para un programa que transita por todos os estilos: latino, clásico, jazz, swing, bandas sonoras… Que acontece cando parte da banda chega tarde e despistada ao lugar do concerto? Unha sucesión de situacións cheas de humor, de improvisación, de solucións disparatadas, pero sempre acompañadas pola mellor música. Unha nova produción con ritmo, máis ritmo, que fará gozar, bailar e rir ao público.

Documentos relacionados



Compartir: