EDUCACIÓN

Concerto da Escola Municipal de Música na Aula Hospitalaria do CHUS

15/12/2021 O alumnado da Escola Municipal de Música deu onte pola tarde o primeiro recital do ciclo de concertos previsto na Aula Hospitalaria do CHUS, no marco de colaboración existente entre o Departamento de Educación do concello de Santiago de Compostela e o Hospital Clínico Universitario de Santiago. Na sesión participaron as alumnas de arpa Helena e Ana Fórneas, e Lía Carracedo xunto coa súa profesora Bleuenn Le Friec.

Durante o concerto interpretaron músicas tradicionais de Irlanda e Bretaña, obras de compositores actuais comprometidos coa renovación do repertorio da arpa celta, e finalizaron cuns dúos que amosaban todo o abano de sonoridades do instrumento.

As obras tradicionais escollidas para o recital foron "Hornpipe", "Miss MC Dermott" e "Dublin streets et Andro". Tamén interpretaron pezas máis modernas, como "Aquatintes" (B. Andrés), "River flows into you" (Yurima) e a banda sonora da película "Interstellar". E xa para rematar, executaron dous dúos de Aurelie Barbé: "Vaguelettes" e "Toc Toc Toc".

Está previsto que este ciclo continúe con novos concertos, dos que se están últimando as datas.

Compartir: