ESPAZOS CIDADÁNS

O Xeoportal do Concello de Santiago presenta novas funcionalidades que facilitan o acceso á información urbanística e cartográfica

15/12/2021 A versión mellorada do Xeoportal do Concello de Santiago foi presentada pola concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade, Mercedes Rosón, acompañada polo xefe da sección de Cartografía do Concello de Santiago, Rogelio Canedo.

A concelleira recordou que o Xeoportal do Concello de Santiago "leva funcionando con éxito, con miles de visitas, dende hai xa 4 anos", ao tratarse dunha ferramente coa que "tanto administracións, como empresas ou particulares acceden cun simple clic a toda a información urbanística e cartográfica" desde a propia web do concello.

Mercedes Rosón amosouse moi satisfeita co traballo de mellora realizado polo servizo de cartografía do Concello na súa "aposta pola modernización" que convirte esta ferramenta nunha "referencia a nivel nacional e internacional" e convidou a cidadanía a visitar o Xeoportal, accesible desde a web municipal, para "consultar a enorme cantidade de información dispoñible e resolver calquera dúbida".

Na mesma liña, o xefe da sección de Cartografía do Concello apuntou que "tratamos de facer un Xeoportal que sexa de uso moi sinxelo e accesible, porque o seu obxectivo último e facilitarlle a vida á veciñanza".

Novas funcionalidades
Entre as melloras a nivel deseño que presenta a nova versión, Rogelio Canedo fixo fincapé na nova interface do Xeoportal, que é máis amigable e conta cunha zona privada onde se pode mostrar máis información restrinxida a distintos perfís de usuario.

O usuario poderá acceder á información catastral e á normativa e documentos de planeamento en puntos concretos do territorio, así como descargar cartografía dunha zona específica do termo municipal, simplificando deste xeito o sistema anterior.

O portal tamén contará con outras utilidades como o comparador de mapas antigos ou o cálculo de rutas entre dous puntos. Para calquera dúbida sobre o seu manexo, os usuarios poderán consultar os videotutoriais dispoñibles e así sacar todo o rendemento a esta ferramenta.

Direccións relacionadas



Compartir: