URBANISMO

O Polo Biotecnolóxico de Galicia despega co inicio das obras do centro de servizos innovadores na Sionlla

14/12/2021 O Centro Empresarial do Tambre acolleu hoxe a reunión da Mesa Institucional do chamado "Acordo da Sionlla" na que se presentou de forma oficial o Polo Biotecnolóxico de Galicia. Asistiron ao encontró o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; e o representante do Comité Executivo da Cámara de Comercio de Santiago, Francisco Negreira del Río; así como representantes doutras entidades colaboradoras.

Na reunión, presentouse a imaxe corporativa do Polo así como o proxecto construtivo do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB). O presidente da AAET destacou os froitos da cooperación privada-pública que se evidencia neste proxecto que hoxe se presenta á sociedade co inicio inminente das obras do edificio de infraestruturas colaborativas. "Hoxe poñemos a primeira pedra de forma simbólica dun centro e un espazo que pretenden ser un conglomerado de empresas innovadoras de carácter industrial" –explicou–.

Alborés lembrou que comezaron a traballar nunha mesa dúas ou tres persoas nun despacho da Asociación, esforzo que finalmente culminou na Mesa da Sionlla. Tras seis anos de múltiples reunións e traballos previos, explicou que xa hai unha ducia de firmas que manifestaron a súa intención de establecerse no Polo e indicou que dentro dun ano inaugurarase o edificio, tempo durante o cal se deseñará un plan de negocio para seguir "buscando aliados e empresas para dotar de verdadeiro contido e maior identidade ao proxecto".

Alborés quixo recalcar que o proxecto é unha aposta de longo percorrido que, aproveitando as fortalezas de Santiago en biomedicina, pretende dar un salto de cantidade e calidade ao entramado empresarial. "A pandemia, que non termina de pasar, puxo de relevo a imperiosa necesidade de crear tecido industrial; máis aínda nunha cidade como a nosa, onde padecemos un peso excesivo do sector servizos" –engadiu.

O alcalde, pola súa banda, amosouse convencido de que esta iniciativa contribuirá á transformación da cidade ao permitir "desenvolver un tecido industrial e produtivo vinculado ás novas tecnoloxías", que ademais "creará novas oportunidades de emprego para unha xeración de investigadores" que tradicionalmente tería que desenvolver a súa carreira profesional fóra.

O rexedor salientou a importancia estratéxica deste proxecto, que se materializará grazas ao "esforzo conxunto da sociedade civil" ao contar coa implicación de distintas entidades e axentes locais.

Francisco Conde trasladou que o centro, apoiado pola Xunta no marco do Polo da Sionlla de Santiago, é unha mostra do compromiso de Galicia por impulsar o sector biotecnolóxico a través dun espazo propio para crecer, consolidarse e atraer talento. "O obxectivo é deixar pegada industrial e seguir sumando entre todas as administracións e entidades implicadas para consolidar na Comunidade autónoma unha industria baseada na I+D+i, no talento e no coñecemento" –salientou–.

Situación estratéxica a carón da AP-9 e do aeroporto
A conselleira de Medio Ambiente lembrou que o compromiso da Xunta co tecido produtivo materializouse na adopción de decisións estratéxicas para as empresas biotecnolóxicas, que facilitan o seu día a día.

A conselleira referiuse ao feito de reservar solo empresarial en exclusiva para este tipo de entidades, de xeito que se dispuxeron 7 parcelas –uns 64.000 metros cadrados na Sionlla– para garantir a implantación dun proxecto integral, o que se traduce en sinerxías.

Así mesmo, explicou que, ademais de garantir espazos adaptados ás necesidades técnicas e ás súas dimensións, están situadas estratexicamente, ao carón do coñecido como enlace orbital que conecta coa AP-9 e da autovía que conecta co aeroporto. Por último, a conselleira destacou que estas iniciativas empresariais tamén dan valor engadido ao parque empresarial da Sionlla, no que xa se adxudicou o 64% do solo e aínda hai máis de 170.000 m2 para adquirir.

Novas posibilidades de mercado para empresas de base tecnolóxica
No súa quenda, Vicente Pérez indicou que facer realidade espazos que favorezan a convivencia da xeración de coñecemento e a ciencia co ecosistema empresarial é sempre unha boa nova á que a Universidade non pode ser allea. "A existencia do Polo é unha realidade necesaria que favorecerá a posibilidade de sinerxías que dean pulo ao proceso de transferencia desde as ideas xurdidas nos laboratorios ata a seu desenvolvemento como proxectos empresariais ou industriais tanxibles" –destacou–.

Tamén o vicerreitor apuntou que o Polo da Sionlla permite sinalar no mapa un punto de referencia preciso para todos os axentes implicados na definición do sector das biotecnoloxías: universidade, administración e empresas. "A este punto están chamados a concorrer empresas interesadas neste sector, pero tamén os grupos universitarios de investigación implicados na xeración de coñecemento neste ámbito ou empresas de base tecnolóxica que exploran novas posibilidades de mercado. Todo estes axentes comparten un nexo común: achegar á sociedade valor engadido de última xeración. Temos un compromiso real que agardamos que se vexa en breve plasmado nun protocolo, que facilite e poña en valor a instalacións de spin offs da USC alí onde se desenvolve a actividade produtiva da cidade e que agardamos que teña un novo pulo con este Polo. Por parte da USC poñeremos en valor os recursos e infraestruturas de I+D+i poñéndoos a disposición das empresas que comecen a súa actividade no Polo" –asegurou–.

Pola súa parte, Francisco Negreira recoñeceu "o empuxe e as ganas do equipo do Tambre sen o que hoxe non existiría o Polo". Sinalou que se trata dunha historia de colaboración e de esforzo conxunto, un exemplo de como a colaboración dá froitos cando as cousas se fan desde o interese sincero pola mellora da sociedade.

Edificio modular con criterios funcionais, de implantación e sostibilidade
O CSIEB, como primeira infraestrutura do Polo Biotecnolóxico de Galicia, foi deseñado polo estudo de arquitectura IDOM Arquitectura. Os servizos ofertados polo CSIEB inclúen a utilización temporal de 18 laboratorios modulares para realizar actividades de I+D+i, en particular actividades de pre-produción, modelado, prototipado e análise de viabilidade da investigación realizada. Igualmente poderá acoller proxectos de empresas que xa superaran a fase de investigación/incubación e que entran na de pre-produción, así como a provisión de servizos auxiliares para o uso de equipamento compartido, complementado con outros de carácter transversal que proporcionará instalacións de uso común (despachos, salas de reunións, etc.). Será un edificio tecnolóxico e eficiente de 2.500 metros cadrados con espazo para entre 18 e 22 empresas.

Segundo explicou o arquitecto Galo Zayas, o obxecto do proxecto é xerar un edificio que atenda ás demandas de flexibilidade e especialización que ten un uso destas características. Para logralo, seguíronse unha serie de criterios funcionais e propúxose un edificio modular con todos os usos principais situados nunha única planta. A partir do módulo base, un laboratorio de 63 metros cadrados de superficie, proponse a súa agrupación en unidades de maior tamaño que permita adaptar o edificio ás demandas dos futuros usuarios. Están previstas 18 unidades que se agruparán en catro corpos de cinco e catro laboratorios cada un, ordenados a ambos lados dun corredor central. Cada un destes módulos ten unha altura libre de 4,45 metros para facilitar a distribución no seu interior de todas as instalacións necesarias, permitindo que nun futuro se proceda a súa ampliación ou modificación.

No extremo nordeste do edificio localizarase o Laboratorio de Equipamento Compartido polas distintas empresas que se implanten no edificio. Na zona inmediata á área pública do edificio, situaranse as dúas oficinas previstas para ofrecer apoio de software ás empresas de investigación que se instalen no centro. Por último, na zona central haberá dúas salas, tamén de uso compartido, que albergarán a sala de cultivos celulares, a sala de centrífugas e a sala de auga destilada.

Complementando os dous corpos nos que se agrupan todos os laboratorios, o edificio terá unha terceira parte, situada na zona máis pública da parcela, inmediata ao acceso, na que se agruparán as áreas máis públicas e os servizos comúns: catro salas de reunións separadas con tabiquería modular que permite que se agrupen para xerar un espazo para encontros de maior tamaño, presentacións, etc. Tamén está prevista unha área de co-working e outra de descanso e networking que contará cunha terraza exterior para facilitar os intercambios informais entre os distintos usuarios.

Zayas explicou que o proxecto segue tamén uns criterios estritos de integración, co fin de garantir unha axeitada implantación do edificio na súa contorna, que se pretende transformar nun novo campus de investigación. Para alcanzar este obxectivo, seguiranse dúas estratexias: a división do volume lonxitudinal e tratar a cuberta como unha quinta fachada. E en canto á sostibilidade, o proxecto contempla un sistema de control solar en fachada, ventilación natural cruzada nas zonas públicas, plantación de árbores no exterior, iluminación natural, elevado illamento térmico na envolvente de fachadas e cuberta, e uso de materiais respectuosos co medio ambiente.

Compartir: