XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de despregamento de SOC e a súa inclusión na convocatoria de subvencións de transformación dixital e modernización das administracións locais

14/12/2021 A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, acordou a aprobación do proxecto "Despregamento de SOC (Centro de Operacións de Seguridade) para o Concello de Santiago de Compostela compatible con ferramentas do CCN (Centro Criptolóxico Nacional) e actuacións complementarias"; e a súa inclusión na convocatoria de subvencións de 2021, impulsadas polo Goberno Central, relativas á transformación dixital e modernización das Administracións das Entidades locais, no marco do "Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia".

O proxecto encaixa na Prioridade 1. Liña estratéxica 5, da convocatoria, e inclúe a implantación dun SOC; a ampliación do centro de procesamento de datos, que contempla a ampliación da infraestrutura de servidores, para permitir a implantación das devanditas ferramentas sen que afecten ao rendemento e funcionamento xeral das aplicacións informáticas de xestión existentes, e a substitución do actual xestor de correos por un novo xestor máis actual, baseado nas últimas tecnoloxías, que permita a aplicación de medidas de seguridade, e que ademais sexa compatible coas ferramentas de monitorización de eventos do SOC.

O importe total do proxecto ascende a 410.732,78 euros. O importe da axuda solicitada ascendería a 364.004,74 euros e a aportación do concello situaríase nos 46.728,04 euros.

Por outra banda, aprobouse a presentación dunha solicitude de axuda ao abeiro da convocatoria de concesión directa de subvencións destinadas ao cofinanciamento da contratación de axentes locais de innovación por parte dos concellos das ciudades membros da Rede Innpulso, reguladas no Real Decreto 1080/2021, do 7 de decembro.

O Concello está inmerso en diversos proxectos no ámbito da innovación que encaixan nas liñas de traballo previstas nesta convocatoria, entre os que destacan o Plan de sostibilidade e o proxecto SMARTIAGO de compra pública de innovación. Ademais, nos vindeiros anos necesario abordar diversos proxectos no ámbito da modernización e da innovación no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Por todo isto, considérase especialmente oportuno contar coa figura do axente local de innovación.

Compartir: