ACCIÓN CULTURAL

Recepción a unha representación dos participantes no XXIV Certame Internacional de Cuarentunas

26/11/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, recibiu hoxe a unha representación da Federación Internacional de Cuarentunas que hoxe e mañá celebran en Santiago o XXIV Certame Internacional de Cuarentunas, no que participan 23 formacións procedentes de distintas provincias españolas, de Holanda e de Portugal.

Entre as persoas presentes na recepción figuraban Antonio Cuns, da Tuna de Veteranos de Medicina, que é un dos organizadores; así como o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Julián Álvarez; e Ángela Torres, vicedecana da mesma facultade.

Na súa intervención, Mercedes Rosón, nomeada Madriña pola Cuarentuna, deulles a benvida: "Santiago vaivos acoller sempre como os grandes peregrinos da canción. Como os representantes desa melodía que perdura, década tras década, na memoria colectiva".

Despois da recepción, teñen ronda no Pazo de San Xerome, e mañá, a partir das once e durante tres horas, actuarán no Auditorio da Banca, na rúa do Preguntoiro.

Compartir: