FESTAS

O Mercado da Estrela festexa o seu 10ª Aniversario entre o 16 e o 19 de decembro

23/11/2021 O concelleiro de Festas Gonzalo Muíños e a directora do Mercado da Estrela, Mónica Mejías deron conta esta mañá dunha nova edición do festival do talento galego, que festexando o seu 10º Aniversario, se celebrará en Santiago de Compostela dende o xoves 16 ata o domingo 19 de decembro. Na rolda de prensa estiveron acompañados da xerente de Turismo de Santiago Flavia Ramil, a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro e o delegado comercial de Estrella Galicia, Guillermo Fernández.

O Mercado da Estrela é un festival de Nadal coorganizado polo Concello de Santiago e Correveydile no que as persoas creadoras de Galicia amosan o froito do seu talento nas vésperas das festas para que os visitantes desfruten das súas creacións, pezas, produtos, elaboracións e composicións durante o evento ou as convirtan en orixinais e innovadores agasallos adquiridos baixo o selo de #talentogalego.

Posicionado como centro neurálxico en Galicia para as compras, os reencontros e os brindes na semana previa a Noiteboa, o Mercado da Estrela conta co patrocinio da Direccion xeral de Comercio e Consumo apoiando á marca Artesanía de Galicia, Turismo de Santiago de Compostela, Estrella Galicia e Gadis, o apoio de Paco&Lola, Vermú Lodeiros e Finsa e a colaboración do Seminario Maior, a "Hospedería San Martín Pinario", Abanca e o Centro Don Bosco como localizacións anfitrionas do evento.

Case un centenar de marcas de artesanía, moda, ilustración, xoguetes, fotografía, deseño, decoración, produtos enogastronómicos e últimas tendencias participarán na feira creativa contemporánea durante a fin de semana previa a Nadal nunha oferta que completará a súa proposta para este aniversario con foodtrucks, postos de restauración e un atractivo programa de concertos, sesións picadiscos e obradoiros deseñados para gozar da creatividade e do tempo compartido.

Un festival de balde que reparte os seus contidos entre diferentes espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago de Compostela para redescubrilos a través dun percorrido que permite coñecer a impresionante riqueza arquitectónica e cultural desta cidade Patrimonio da Humanidade mentres se desfruta do animada ambiente que caracteriza ao festival e se descubre o talento creativa das novas marcas de Galicia.

A programación musical para este 10º aniversario irase revelando progresivamente nos vindeiros días e, ao igual que a Feira Creativa e as Zonas de Restauración será de entrada gratuíta e cumprirá con todos os protocolos de seguridade, hixiene e prevención velando pola protección de todas e todos.

Aquelas persoas que decidan visitar a cidade con motivo do Mercado da Estrela poden dende xa reservar aloxamento na hospedería do mosteiro barroco de San Mariño Pinario a un prezo reducido con motivo do festival.

Bases de participación para marcas
Máis de medio cento de marcas presentaron xa nas últimas catro xornadas a súa preinscrición para participar desta edición aniversario. É todavía posible solicitar praza enviando solicitude a través dos formularios online insertos nas bases de participación ata a medianoite do vindeiro xoves 25 de novembro: https://cutt.ly/ZTEKz9w

Espazos do 10º Aniversario do Mercado da Estrela
* Feira Creativa no 2º andar do Centro Social Abanca na Praza de Cervantes, no claustro procesional do mosteiro de San Martiño Pinario e no claustro e Salón Peregrinos da "Hospedería San Martín Pinario" de 16h a 21h o venres 17 e de 11h a 21h o sábado 18 de domingo 19 de decembro

*Zona Foodtruck con DJs e oferta de restauración na praza 8 de Marzo dende o xoves 16 ás 20h

* Concertos e oferta de restauración na pista cuberta do Centro Don Bosco dende o xoves 16 ás 20h

RRSS da iniciativa
Perfil en Facebook
Evento 10ª Edición en Facebook
Instagram: @mercadodaestrela
Twitter: @Mdaestrela
Telegram: @mercadodaestrela

Compartir: