EDUCACIÓN

Marina Gibert recolle o premio Compostela para álbums ilustrados, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi no que se destacou a "brillantez e orixinalidade" de "Selva"

18/11/2021 A ilustradora catalá Marina Gibert recibiu hoxe, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi, o "Premio internacional Compostela para álbums Ilustrados 2021", convocado polo Concello de Santiago en colaboración coa editorial Kalandraka; e dotado con 9.000 euros. Foi pola súa primeira obra, "Selva", que o xurado cualificou como "unha metáfora da memoria, unha "obra brillante e orixinal, de gran riqueza cromática".

A esta décimo cuarta edición presentáronse 373 obras procedentes de 23 países. Quedou finalista "De papel", presentada por Claudia Novaro Malpica e Armando Fonseca, de Cidade de México. "A nota", dos madrileños Daniel Montero Galán e Pilar Serrano, obtivo a mención especial do xurado.

Marina Gibert asegurou sentirse "moi ilusionada" con este premio "Compostela de álbums ilustrados", unha convocatoria, que "levo tempo seguindo, igual que á editorial Kalandraka". "Este é o meu primeiro libro como autora", sinalou, "o que fai que sexa aínda máis especial para min, "unha oportunidade para seguir por este camiño da ilustración e para seguir contando historias".

Na súa intervención, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, felicitou a Marina Gibert, e sinalou que "cada ano aprendemos algo novo a través destas imáxenes debuxadas". Un libro, Selva, que definiu como cheo de talento e imaxinación "que estou convencido, sae por todas as páxinas".

Xosé Ballesteros, un dos fundadores e director da Editorial Kalandraka, destacou que "Selva" é unha obra para todas as idades, especialmente para os primeiros lectores, "os nenos e nenas que cada ano participan na campaña de animación á lectura", desta cidade. Un traballo, engadiu, "brillante, sinxelo e orixinal, que atrapa pola súa riqueza cromática". Ballesteros explicou que se trata do segundo libro sen palabra premiado, despois de "1880, do italiano Pietro Gottuso, gañador da anterior edición. E anunciou que tamén exemplares de "Selva" serán enviados á biblioteca de Lampedusa "para que formen parte do proxecto Silent Books de IBBY (Internacional Board on Books for Young People), e estean a disposición das persoas refuxiadas que cheguen a esa illa italiana, para que teñan acceso a publicacións comprensibles para xentes de todas as nacionalidades".

A continuación, Xosé Ballesteros fixo entrega de varios exemplares de "Selva" a súa autora, Marina Gibert; ao alcalde, e ao concelleiro de Educación, Rubén Prol. No acto, conducirdo pola técnica responsable do departamento de Educación, Beatriz Varela, actuou o cuarteto de arpas celtas, Lulavai.

Obras premiadas
A gañadora, Marina Gibert estudou na Escola de Arte e Deseño A Llotja de Barcelona e ampliou a súa formación no Seminario de Ilustración do Centro lisboeta de Arte e Comunicación. O xurado decidiu premiar "Selva" por considerala unha obra brillante e orixinal, de gran riqueza cromática, que narra en imaxes o divertido paseo dun neno por unha paraxe de exuberante vexetación. Un paseo que acabará de forma sorpresiva e adentrará ao protagonista nun lugar onde a memoria fará voar a súa imaxinación. Trata, segundo o fallo do xurado, dunha "metáfora da memoria.

En canto á finalista "De papel", presentada por Claudia Novaro Malpica e Armando Fonseca, os dous de Cidade de México, é un álbum ilustrado cheo de poesía, para lectoras e lectores avanzados. A nivel gráfico destaca pola súa atmosfera onírica e intimista cunha paleta de cor contida. Os autores conseguen, segundo a acta do xurado, desenvolver un paralelismo entre o papel e a vida. Este texto, no que a personaxe escribe na súa pel a súa autobiografía; amósanos "amósanos "a viaxe da vida"; revélanos o finito e amosa a fraxilidade nesa viaxe.

A mención especial do xurado recaeu na obra "A nota", de Daniel Montero Galán e Pilar Serrano Burgos, de Madrid. Unha obra, segundo o fallo do xurado, "cun formato sorprendente e orixinal que pode lerse de xeito tradicional, coma un libro acordeón ou coma un gran mural desplegable". Este singular formato permite o desenvolvemento dunha secuencia enlazada a través dun fío que conduce a historia cara a espazos diversos cheos de personaxes do máis variopinto. Trátase dun libro cunha dobre lectura. Por un lado, adentra ao lector en escenarios da vida cotiá mentres na parte posterior achégao máis descritivamente ás personaxes do álbum. Isto abre a posibilidade de xogo e de invención de novas historias por parte da persoa lectora.

Compartir: