EMPREGO

O alcalde de Santiago reivindica o valor do talento e da innovación na inauguración do Foro Talentia Summit 2021

18/11/2021 O edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu esta mañá o Foro Talentia Summit 2021, que inauguraron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Nesta edición de Talentia Summit combínanse os formatos presencial, para o Foro, e online, para a Feira, que se desenvolve paralelamente do 15 ao 26 de novembro.

Durante a súa intervención, o rexedor compostelán, amosou a súa satisfacción pola volta á presencialidade "despois destes 20 meses tan duros", aínda que destacou tamén "que das crises tamén se aprende". Neste caso, a apostar máis decididamente polo mundo tecnolóxico. Ademais, reivindicou a necesidade de por en valor o talento e a innovación en todos os ámbitos da vida: "todas as grandes crises nos poñen nun escenario de igualdade e o que é capaz de innovar vai un paso por diante. E para iso requírese talento", engadíu.

O acto contou coa presenza da ministra Pilar Alegría, que tamén salientou a importancia do talento e innovación no seu ámbito de competencias: "necesitamos unha educación que permita desenvolver o talento e a creatividade", subliñou. Nesa mesma liña se pronunciou o presidente da Xunta que lembrou que "o talento ou se cultiva ou se marchita".

Ponentes
Tras os discursos institucionais, o Foro continuou coa participación de ponentes referencia do talento en diferentes áreas: marketing, formación, novas tecnoloxías, retail e deporte, entre outras:

- Elena Gil, Global Director of Product and Business Operations - Telefónica IoT & Big Data
- David Meca, 28 veces campeón do mundo de natación
- Nancy Villanueva, CEO Iberia & Middle East de Interbrand
- Carlos Ezquerro, CEO de Netex Learning
- Clara Jiménez Piñar, Directora de Innovación Accenture, Spain Innovation Lead
- Irantzu Díaz, Market Manager de IKEA en Galicia
- Pau Gacía Milá, Emprendedor de éxito - Innovator of the Year by MIT's TR-35
- Emilio Froján, CEO & Co-founder de Velca

O talento artístico tivo tamén a súa representación neste encontro a través da música do pianista Javier López Jorge acompañado de María Victoria Jericó como vocalista e Millán Abeledo Malheiro ao violonchelo.

Feira Talentia Summit
A feira mantén este ano o formato virtual. Comezou o 15 de novembro e alongará a súa duración durante dúas semanas, ata o venres 26.

Ofrecerá ás persoas usuarias acceso gratuíto aos stands virtuais de máis dun cento de empresas con procesos de selección abertos, reserva directa de entrevistas con videochamadas, acceso a centos de ofertas de emprego, unha gran variedade de cursos de formación, certificados oficiais en competencias dixitais e idiomas, webinars e unha unidade de desenvolvemento profesional.

Compartir: