MEDIO AMBIENTE

Mila Castro destaca, nas xornadas "Axenda, producción e consumo responsable", a aposta do Concello polo fomento de prácticas sostibles e de responsabilidade social e medioambiental

18/11/2021 A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, e de Medio Ambiente, Mila Castro, inaugurou hoxe a xornada "Axenda, producción e consumo responsable", organizada por Radio Galicia-Cadena SER. A concelleira recordou que ese é "un dos obxectivos máis transversais da Axenda 2030, xa que persegue o tránsito dos modelos produtivos e de consumo clásicos cara outros máis sostibles que nos levarían incluso a poder conseguir o obxectivo un, que non é outro que o fin da pobreza".

A responsable de Medio Ambiente apostou por sumar esforzos entre administracións, cidadanía e empresariado para "estimular as prácticas sostibles e fomentar estilos de vía en harmonía coa natureza". Neste obxectivo, engadiu, traballa o concello de Santiago, coa implementación de iniciativas en materia de economía circular".

Mila Castro explicou que se están incluindo nos contratos administrativos "criterios de responsabilidade social e medioambiental", como: apoio a persoas en risco de exclusión, comercio xusto, uso e enerxías limpas en vehículos, aforro de auga, reducción de emisións, etc. Ademais, sinalou, "potenciaremos a optimización da rede de auga e saneamento na próxima licitación", realizaranse campañas de sensibilización de separación de residuos, continuarase coa integración de espazos verdes na trama urbana e adaptaranse espazos públicos para favorecer a integración interxeracional. De xeito paralelo, continuou a concelleira, "potenciaremos eventos en materia de economía circular. Agora mesmo, en colaboración coa Unión de Consumidores, estanse facendo actividades con escolares en materia de consumo responsable"; e tamén se está artellando unha campaña gráfica sobre separación de residuos.

A concelleira de Medio Ambiente tamén descatou a necesidade de que "vaiamos introducindo novos hábitos nas nosas vidas", para contribuir á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030, "como reducir a xeración de residuos" a través da prevención; "con accións tan sinxelas como seleccionar produtos con pouco embalaxe, mercar produtos reutilizables, planificar as compras para mercar o que realmente precisamos, reutilizar as bolsas, etc." Calquera xesto neste senso, subliñou, "por pequeno que ssexa, ten a súa trascendencia e vai quedar reflectido na herdanza que deixamos".

Precismante, "A herdanza que deixamos", é o slogan do encontro conducido polo xornalista Luis Iglesias, no que tamén participaron Teresa Moreira, Profesora de enxeñaría química da USC; Pepe Solla, cociñeiro, estrella michelín e membro fundador do grupo Nove; ou Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente. Foi él o encargado de pechar unhas xornadas nas que se desenvolveron dúas mesas redondas con representantes de empresas como Viaqua, Jealsa, Sogama, Vegalsa, Coca Cola ou a Praza de Abastos de Santiago.

Mila Castro rematou a súa intervención sinalando que "se seguimos por este camiño de compromiso, traballando na protección dos nosos recursos e por unha sociedade máis xusta e igualitaria, cunha mellor distribución da riqueza, a herdanza que deixaremos ás xeracións futuras será mellor que a que temos actualmente".

Compartir: