URBANISMO

Nota aclaratoria acerca do achádego dunha pedra cunha inscrición durante as obras de Raxoi

17/11/2021 A pedra cunha inscrición localizada nas obras de Raxoi data do ano 1595. Desde o concello de Santiago trabállase coa hipótese de que se recolocou no umbral da porta de acceso leste da estancia abovedada que formou parte do espazo carcelario que existiu no Pazo de Raxoi, no momento en que se abordou a construción do Seminario de Confesores, no século XVIII.

A peza, conservada de forma parcial, semella ser unha inscripción conmemorativa da reforma que se fixo do cárcere no ano 1595, auspiciada polo arcebispo Juan de San Clemente. Despois do ataque do inglés Francis Drake ás costas e cidade da Coruña en 1589, o arcebispo San Clemente foi consciente da necesidade de protexer Santiago e as súas reliquias, polo que propiciou o reforzo das defensas da cidade. Cremos que esa reforma do cárcere ten o seu contexto dentro dese labor reconstrutivo das estruturas defensivas da cidade que deu pé ao levantamento dos planos da cidade de 1595 que custodia o Arquivo Xeral de Simancas.

Os achádegos e o rexistro arqueolóxico da estancia que se está a abordar neste momento no contexto da intervención arqueolóxica de Raxoi baixo a dirección de Alejandro Parga Castro, están resultando claves para a comprensión e reconstrución da evolución histórica deste sector da cidade compostelá e da cidade mesma. Aínda seguen en proceso os traballos de rexistro e documentación, e a investigación, polo que as hipóteses coas que se traballa aínda están suxeitas a reinterpretación.

Neste momento estase valorando coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e co Museo das Peregrinacións, cal podería ser o destino máis apropiado para a peza, un destino que garanta a súa correcta conservación e divulgación.

Compartir: