XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a modificación da ordenanza para fraccionar o pago de distintos tributos e a concesión da axudas para actividades de promoción e dinamización comercial

17/11/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extraordinaria, aprobou, inicialmente, a modifiación da ordenanza que regula o pago de tributos, para incorporar o abono personalizado; e a concesión das "Axudas á realización de actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago para o ano 2021", por un importe total de 74.285,28 euros.

Estas axudas ás entidades comerciais repártense do seguinte xeito: xeito:

- Fundación Santiago Centro, Área comercial: 16.208,61 euros

-Asociación Em- Rede: 3.659,90 euros

-Compostela Monumental: 24.736,36 euros

-Asociación Punto Compostela Centro Comercial Aberto: 23.398,77 euros

-Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives Compostela: 6.281,64 euros

O executivo municipal tamén acordou modificar a convocatoria para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do "Programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería do municipio de Santiago de Compostela". Esta modificación afecta ao importe máximo de bonos que se poderán trocar en cada establecemento comercial. A cantidade pasa dos 10.000 euros actuais a 15.000 euros.

Por outra banda deuse conta da sinatura do convenio entre o Concello de Santiago e a Fundación Santiago Centro Área Comercial para levar a cabo un programa de reactivación económica das compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro, cunha achega de 31.000 euros; e da sinatura do convenio entre o Concello de Santiago e a Asociación Punto Compostela Centro comercial aberto para o mesmo fin, por un importe de 38.000 euros

A maiores, aprobouse o texto do convenio entre o Concello de Santiago e a Comunidade de Propietarios Centro Comercial Área Central, para o desenvolvemento dun programa de dinamización comercial durante a anualidade 2021, por un importe de 30.000 euros.

Modificación da ordenanza de recadación de tributos
A Xunta de Goberno local aprobou varias modifiacións na "Ordenanza 0.00 xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público", que agora deberán recibir o visto bó do Pleno. O texto modificado entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

As modificacións introducidas están relacionadas co pago personalizado dos impostos sobre vehículos de tracción mecánica; o de bens inmobles; o de actividades económicas; a taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público para paso de vehículos a través de beirarrúas ou calzadas, e para reserva da vía pública para aparcamento exclusivo; e a taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público con mesas, cadeiras, tribunas, quioscos de hostalería e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.

O plan de pago personalizado permitirá distribuír os pagamentos ao longo do ano en tres, cinco ou nove cotas, a elección do solicitante cando se adhire ao sistema.

Documentos relacionados



Compartir: