EDUCACIÓN

Marina Gibert recibe mañá o "Premio internacional Compostela para álbums ilustrados" pola obra Selva

17/11/2021 A xerundense Marina Gibert recibirá mañá o "Premio internacional Compostela para álbums Ilustrados", pola obra "Selva", gañadora desta décimo cuarta edición do concurso, convocado polo concello de Santiago coa colaboración da editorial Kalandraka. O acto de entrega terá lugar ás 12:30 h.; no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. As librerías Couceiro, San Pablo, Follas Novas e Merlín e Familia, xa teñen decorados os escaparates coa obra premiada.

Hoxe, Marina Gibert visitou o IES de Sar, onde participou nunha sesión formativa co alumnado de Bacharelato de Artes. Xa pola tarde, ás 17:00 h., ten previsto impartir outra sesión ao alumnado do Ciclo Superior de Educación infantíl do CIFP Compostela.

Desta edición, o xurado destacou "a variedade e riqueza temática e plástica dos 373 proxectos presentados ao Premio "Compostela para álbums ilustrados", procedentes de 23 países: España, Italia, Colombia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Alemaña, Arxentina, Francia, México, Uruguai, Suiza, Suecia, Estados Unidos, Austria, Polonia, Ecuador, Noruega, Kazajistán, Chile, Ucrania, China e Brasil.

Obras premiadas
A gañadora, Marina Gibert estudou na Escola de Arte e Deseño A Llotja de Barcelona e ampliou a súa formación no Seminario de Ilustración do Centro lisboeta de Arte e Comunicación. O xurado decidiu premiar "Selva" por considerala unha obra brillante e orixinal, de gran riqueza cromática, que narra en imaxes o divertido paseo dun neno por unha paraxe de exuberante vexetación. Un paseo que acabará de forma sorpresiva e adentrará ao protagonista nun lugar onde a memoria fará voar a súa imaxinación. Trata, segundo o fallo do xurado, dunha "metáfora da memoria. A obra gañadora percibirá 9.000 euros.

En canto á finalista "De papel", presentada por Claudia Novaro Malpica e Armando Fonseca, os dous de Cidade de México, é un álbum ilustrado cheo de poesía, para lectoras e lectores avanzados. A nivel gráfico destaca pola súa atmosfera onírica e intimista cunha paleta de cor contida. Os autores conseguen, segundo a acta do xurado, desenvolver un paralelismo entre o papel e a vida. Este texto, no que a personaxe escribe na súa pel a súa autobiografía; amósanos "amósanos "a viaxe da vida"; revélanos o finito e amosa a fraxilidade nesa viaxe.

A mención especial do xurado recaeu na obra "A nota", de Daniel Montero Galán e Pilar Serrano Burgos, de Madrid. Unha obra, segundo o fallo do xurado, "cun formato sorprendente e orixinal que pode lerse de xeito tradicional, coma un libro acordeón ou coma un gran mural desplegable". Este singular formato permite o desenvolvemento dunha secuencia enlazada a través dun fío que conduce a historia cara a espazos diversos cheos de personaxes do máis variopinto. Trátase dun libro cunha dobre lectura. Por un lado, adentra ao lector en escenarios da vida cotiá mentres na parte posterior achégao máis descritivamente ás personaxes do álbum. Isto abre a posibilidade de xogo e de invención de novas historias por parte da persoa lectora.

No acto de entrega dos premios actuará o cuarteto de arpas celtas, Lulavai, formado por Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz, que tocarán as pezas Neboando, Meniña de auga, Pasodobre romántico e Berro calado.

Premio Internacional Compostela para álbums Ilustrados
O "Premio internacional Compostela para álbums ilustrados" é un certame convocado dende o ano 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka, que está dirixido a autores e ilustradores de todas as nacionalidades. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este departamento municipal ven organizando dende o ano 2001, co obxectivo de ensalzar este xénero literario e artístico, e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través de publicacións de libros de calidade en varias línguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas sete edicións, ao que se engade o prestixo do xurado que avalía as obras presentadas. Ao longo destes 14 anos participaron máis de 4.000 traballos procedentes de multitude de países e de varios continentes. Un labor inxente de recepción, rexistro, clasificación e valoración. Pero tamén unha responsabilidade moi grande á hora de decidir entre os presentados aquel que merece ser elixido para transformarse nun libro, editado nas diferentes linguas da península e que viaxará desde Compostela a infinidade de lugares, espazos e países.

A convocatoria preséntase no primeiro trimestre do ano e o fallo anúnciase en xuño, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón transcorridos un seis meses, durante os cales se traballa no proceso de edición e produción da obra.

Kalandraka publica a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Kalandraka Editora ten realizando un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. Tamén se abriron ao campo creativo, publicando álbums ilustrados de creación propia segundo criterios de alta calidade estética e literaria nos que os autores e os ilustradores galegos poden dar a coñecer a súa obra. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, e portugués.

A súa proxección internacional concrétase coa participación nas principais feiras sectoriais do mundo: Italia, Estados Unidos, Xapón, China, Alemaña, México… O seu mercado esténdese a Norteamérica e a América do Sur, onde a Secretaría de Educación Pública do goberno de México incluíu numerosos títulos de Kalandraka no plan quinquenal do libro e a lectura. Os seus libros tamén están presentes en Europa e en Asia.

Por outra banda, desde hai 19 anos o Concello de Santiago organiza xunto con esta editorial, unha campaña de animación á lectura na que participan máis de catro mil escolares de Santiago e a súa comarca en cada edición, o que reflicte o gran interese que esta proposta didáctica ten para a cidade.

Campaña municipal de animación á lectura
Os libros premiados en cada edición son o motivo sobre o que se traballa en cada campaña de animación á lectura. Durante todo o curso desenvólvese na cidade de Santiago coa participación de todos os centros de educación infantil e primaria públicos, concertados e privados; escolas rurais e escolas infantis de Santiago.

A campaña inclúe un programa de actividades para centros de ensino, con sesións formativas do profesorado nas que participan unha media anual de 160 persoas; visitas guiadas á exposición e sesións de contacontos todas as mañas durante mes e medio, en horarios de dez da mañá a dúas da tarde; obradoiros de ilustración; e obradoiros de escrita creativa.

Tamén se deseñou un programa de actividades para a rede de escolas infantís, con visitas guiadas á exposición e sesións de contacontos; obradoiros de ilustración: intervención plástica nas escolas infantís; ou sesións de contos para bebés e para as súas familias os sábados pola mañá.

O número estimativo de participantes en cada unha destas campañas de animación á lectura é de máis de cinco mil escolares, e 600 profesores/as de Santiago e comarca; cifras que reflicten o gran interese que ten esta proposta didáctica na cidade.

Compartir: