MEDIO AMBIENTE

Ortiga porá o peche á campaña #VotaCarballo

17/11/2021 O artista Ortiga súmase á campaña para que o Carballo de Conxo se convirta en Árbore Europea 2022 e dará un concerto este venres 19 na praza Aurelio Aguirre, un día antes de que se peche a fase nacional do certame, que finaliza o sábado ás 23.59 h. As entradas son de balde e poden retirarse no Teatro Principal o xoves e o venres (10.00 a 14.00 horas) co único requisito de votar pola árbore.

O Concello de Santiago de Compostela convida ao concerto de clausura da campaña a prol do Carballo do Bosque do Banquete de Conxo, única candidatura galega que opta a ser Árbore Europea 2022. O evento, amenizado polo artista Ortiga, terá lugar este venres 19 ás 20.00 horas na praza Aurelio Aguirre, no barrio compostelán de Conxo.

As entradas serán de balde, pero o aforo está limitado a un milleiro de persoas debido ás medidas preventivas contra a Covid. Poderanse retirar os convites no teatro principal tanto o xoves 18 coma no propio día, de 10.00 a 14.00 horas. O requisito será mostrar nun dispositivo móbil a comprobación de ter votado.

A fase nacional do certame Árbore Europea 2022, que organiza Bosques Sin Fronteras dende o 2011, remata este sábado ás 23.59 horas. Antes de que as votacións se ocultasen o pasado domingo o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo estaba consolidado na primeira posición, aínda que seguido de cerca polo segundo. Para votar pódese facer a través da web www.arboleuropeo.es dentro da sección ‘Vota por un árbol’.

Ortiga será o encargado de poñer a música no acto. O artista compostelán é un dos máximos expoñentes da música alternativa galega dos últimos anos. Cancións como ‘Sabes el camino que elegí’ garantizan un espectáculo asegurado para os que decidan acudir ao concerto.

Compartir: