XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a concesión dos cheques de consultoría de "Coidar para mellorar"

15/11/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a resolución da convocatoria de concesión de cheques de consultaría do programa de comercio "Coidar para mellorar. Anualidade 2021". Dezanove negocios beneficiaranse dun total de 33 cheques, 9 son de escaparatismo, 12 de comunicación comercial e outros 12 de transformación dixital.

Estas axudas teñen carácter finalista e consisten na prestación dun servizo profesional de asesoramento en cada unha das modalidades previstas. En total, as tres liñas suman un investimento de 42.840 euros: 18.840 para comunicación; 10.200 para escaparatismo e mercadotecnia visual; e 13.800 para transformación dixital. Cada unha delas ofertaba 12 cheques, cun importe por solicitude de 1.570 euros para asesoramento en comunicación; 850 para asesoramento en escaparatismo e mercadotecnia visual; e 1.150 euros para asesoramento en transformación dixital.

Neste asesoramento vanse ter en conta as condicións especiais de cada unha das empresas solicitantes. Un mesmo negocio podía presentarse ás tres liñas de cheques de consultoría. Nos criterios de concesión tivose en conta a orde temporal de entrada da solicitude; e que a actividade estea incluida nalgunha das agrupacións ou epígrafes que acompañaban ás bases.

Aínda relacionado con comercio, o executivo municipal acordou ampliar ata o 25 de novembro a data límite de xustificación das "Axudas para actividades de promoción e dinamización comercial. Anualidade 2021".

Outros asuntos
A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á aprobación definitiva da subvención solicitada pola Comunidade de Propietarios Álvaro Cunqueiro 3, correspondente a convocatoria de subvencións de data 19 de outubro de 2018 relativas ás Fases 7 (remanente de convocatoria 2016) e 8 da ARI "Área de Rehabilitación Integral" do barrio de Vista Alegre. O acordo tamén recoñece a obriga de pagamento en favor da citada comunidade por un importe de 102.549,47 euros, que se distribuirán entre 20 perceptores comuneiros que teñen acreditada a totalidade dos requisitos esixidos aos beneficiarios.

Tamén se aprobou o pago da subvención solicitada por un particular, por unha contía de 10.198,67 euros correspondente á convocatoria de subvencións de data 19 de outubro de 2018 relativas ás Fases 14 (remanente de convocatoria 2016) e 15 na área de rexeneración e renovación urbana da Cidade Histórica.

Estas axudas teñen por finalidade financiar os gastos que se derivan das actuacións en edificios residenciais sitos no ámbito de rehabilitación integral do Barrio de Vista Alegre e na Cidade Histórica, co obxecto de adecualos á normativa vixente relativas a elementos comúns no caso dos edificios residenciais colectivos; ou as relativas ás fachadas e cuberta, no caso de edificios unifamiliares; considerando prioritarias as actuacións en materia de accesibilidade e eficiencia enerxética.

Tamén se tomou en cosideración a concesión provisional, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, dunha axuda de 200.000 euros, destinados á elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana Española.

Aprobouse, a maiores, a concesión e o pago de 1.500 euros do "Premio Realia de tradución 2021", a José Alfonso Blanco Quintela, pola pola tradución do grego moderno ao galego da obra As consecuencias da vella historia, escrita por Georgios Viziinos.

Ademais, acordouse atorizar o inicio dos trámites para proceder á recepción das obras de "Mellora e acondicionamento do centro sociocultural de A Peregrina. POS + 2019"; e da "Execución das obras de acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño para usos polivalentes".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: