XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba catro convenios de colaboración que contemplan axudas de 50.000 euros para actividades culturais

12/11/2021 A Xunta de Goberno local, reunida onte en sesión extraordinaria, aprobou o texto de catro convenios de colaboración con outras tantas entidades, polos que destinará un total de 50.000 euros, mediante axudas directas, a financiar distintas actividades culturais.

En concreto, aprobouse o texto do convenio e a concesión directa da subvención á Asociación Cultural Cidade Vella, por importe de 20.000 euros, para o fomento e financiación de actividades relacionadas coa música, a cultura e o patrimonio da Cidade Histórica.

Tamén se deu luz verde o texto do convenio e da concesión directa da subvención á Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, por importe doutros 20.000 euros. Esta cantidade estará destinada ao fomento e financiación de actividades relacionadas coa música tradicional galega.

A maiores, aprobouse o texto do convenio e da concesión directa da subvención á Asociación Cultural Rocha Forte, por importe de 5.000 euros para o fomento e financiación de distintas actividades, como roteiros, visitas guiadas, presentación, exposicións, conferencias, etc.; e o texto do convenio e da concesión da subvención a cursos universitarios de "Música en Compostela", por outros 5.000 euros.

Outros acordos
Tamén se de luz verde a un expediente de suplemento de crédito por 422.587,82 euros destinado a completar á achega municipal ao proxecto Smartiago. Este acordo será trasladado ao Pleno da Corporación para a súa aprobación definitiva, previo ditame da Comisión informativa de Presidencia, Réxime Interior, Facenda e Especial de Contas.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local acordou a aceptación das axudas convocadas no 2021 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia, que ascenden a 30.800 euros.

Obras Concheiros
Nunha segunda Xunta de Goberno extraordinaria, o executivo municipal acordou ampliar o prazo de execución das obras "Actuacións no Camiño Francés en Santiago de Compostela: remodelación da rúa dos Concheiros" ata o 22/01/2022, tal como consta no informe do director facultativo do 19/10/2021.

Esta ampliación débese, segundo consta no expediente, a distintos traballos non contemplados nun principio, pero necesarios para a correcta execución da obra, entre eles a execución de novos trazados de saneamento; condicións meteorolóxicas adversas; apertura de gabias en terreos de alta compactidade para tendido de redes de infraestrutura no da Cruz de San Pedro; modificación do acabado de Triacastela que pasou de ser aglomerado asfáltico a empedrado continuo; aparición de rocha que houbo que excavar para efectuar a instalación de saneamento, gas, etc.; instalación dunha quinta unidade de colector soterrado en illas; ou aparición de rocha nos traballos de tendido de redes infraestruturais na contorna da Cruz San Pedro.

Hoxe venres celebrouse outra Xunta de Goberno extraordinaria na que se acordou ampliar o prazo de execución das obras de "Urbanización da unidade de actuación nº 11 do PERI Fontiñas-Cotaredo-San Lázaro; e autorizar e ratificar o gasto de 120.000 euros para a rehabilitación do firme da Vía Edison.

Compartir: