CENTROS SOCIOCULTURAIS E EDUCACIÓN

O Concello de Santiago oferta 360 prazas de conciliación para este Nadal

11/11/2021 Os concelleiros de Centros Socioculturais, Javier Fernández; e o de Educación, Rubén Prol; informaron hoxe dos programas de conciliación de ambos departamentos para o período de Nadal, que unidos aos da concellaría de Medio Rural, suman 360 prazas. Todas as actividades que se van desenvolver son de balde, agás os obradoiros das Escolas Infantís.

Os Centros Socioculturais ofertan un total de 155 prazas en distintas actividades lúdico-educativas, no marco do programa "Vive o Nadal 2021". 60 delas, as que dependen da concellaría de Medio Rural que dirixe José Manuel Pichel, desenvolveranse nos Centros Socioculturais da Gracia, Figueiras e Marrozos. As outras 95, das que informou Javier Fernández, levaranse a cabo nos CSC de Conxo, Fontiñas, Pontepedriña, Santa Marta e Vite. O prazo de inscrición, que comeza o próximo luns, 15 de novembro, rematará o día 26.

Segundo explicou Fernández, este ano estase deseñando "unha interesante proposta de actividades lúdico-educativas", que incluirán obradoiros, teatro, maxia, actividades ao aire libre, etc... Para o seu desenvolvemento hai contratadas, informou, "máis de vinte empresas do sector cultural", con equipos especializados en educación, animación e actividades de tempo libre.

As actividades de "Vive o Nadal 2021" están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos empadroados no Concello de Santiago. Desenvolveranse os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 3, 4, 5 e 7 de xaneiro en horario de 10:00 h. a 14:00 h. Para facilitar a conciliación, ponse a disposición das familias unha ampliación deste horario, desde as 7.45 h. ás 15:15 h.

Para apuntarse cómpre enviar a ficha de preinscrición cuberto ao correo electrónico ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal. A ficha pódesde descargar da web do concello. A publicación do listado de menores admitidos que irán a sorteo comunicarase o mércores 1 de decembro. E o venres 3 de decembro, será o sorteo de prazas. As listas definitivas daranse a coñecer o 9 de decembro. Para que as actividades se leven a cabo ten que haber un 50% de prazas demandas en cada espazo.

EDUCACIÓN
Rubén Prol informou do programa de conciliación de Nadal nos centros educativos e na ludoteca María Miramontes. O concelleiro destacou que, "como medida de apoio ás familias, ofrécense todos os servizos con carácter gratuito, agás os obradoiros das Escolas Infantís que se rixen polo seu réxime de prezos".

Os programas deseñados polo departamento de Nadal son o "Programa de Nadal de Conciliación nos CEIP", "Nadal no Espazo María Miramontes" e os "Obradoiros de Nadal das Escolas Infantís Municipais".

Programa de Nadal nos CEIP
Oferta un total de 100 prazas; das cales haberá dispoñibles 30 prazas de comedor e de magrudadores. Os horarios serán os seguintes:

Obradoiros e actividades (9:00 h. a 14:00 h.)

Madrugadores (7:45 h. a 9:00 h.)

Comedor (14:00 h. a 16:00 h. )

Os destinatarios deste programa son os nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria (entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria, ambos inclusive), con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Deberán estar empadroados en Santiago ou cursar os seus estudos en algún centro de infantil ou de primaria deste municipio.

O programa desenvolverase durante o período de vacacións escolares de Nadal, os días 22, 23, 24, 27, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2021 e o 2, 3, 4, 5 e 7 de xaneiro de 2022 (un totoal de 12 días). As familias interesadas poderán escoller entre tres modalidades:

-Completa: os 12 días.

- Quenda do mes de decembro de 2021: días 22, 23, 24, 27, 28, 29, 30 e 31

- Quenda do mes de xaneiro de 2022: días 3, 4, 5 e 7.

A convocatoria saírá unha vez aprobado o programa definitivo. A apertura dos prazos de inscrición está prevista para o comezo de decembro. O programa desenvolverase, previsiblemente é a espera da aceptación da Xunta de Galicia, nos CEIPs Quiroga Palacios e Monte dos Postes.

Espazo María Miramontes
Segundo explicou Rubén Prol, a ludoteca "María Miramontes", localizada en Fontiñas, ofrece un programa de conciliación específico para Nadal, tamén de balde, con 60 prazas, dirixidas a menores de entre 4 e 12 anos. Para poder inscribirse é necesario estar dado de alta no espazo educativo María Miramontes.

Os horarios son os seguintes:

Madrugadores ( 7:45 h. a 10:00 h.)

Obradoiros e actividades (10:00 h. a 13:30 h.)

Saída (13:30 h. a 15:00 h.)

O periodo de inscrición establécese entre o 22 e o 30 de novembro. As modalidades a escoller son as seguintes:

Quenda do mes de decembro de 2021: días 22, 23, 24, 27, 28, 29, 30 e 31

Quenda do mes de xaneiro de 2022: días 3, 4, 5 e 7.

Quenda completa: os 12 días.

Obradoiros nas Escolas Infantís
Os "Obradoiros de Nadal para o curso 2021-2022 para a conciliación familiar e laborar nas Escolas Infantís Muncipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños" teñen como obxectivo axudar ás familias a conciliar a vida familiar, laboral e persoal nos períodos extraescolares.

Rubén Prol explicou que as escolas infantís municipais convértense nun lugar de encontro para nenos/as do segundo ciclo de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria, cunha proposta diferente e lúdica, rompendo coa rutina do curso escolar e ofertando unha serie de actividades ós máis pequenos/as que permitan ás súas familias seguir cumprindo cos compromisos laborais"

Os destinatarios son os nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela, ou que, sen estar empadroados cursen os seus estudos en centros de educación infantil e primaria en Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos, (2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria).

As datas de realización son as seguintes: 22,23,24,27,28,29,30 e 31 de decembro; e 3,4,5 e 7 de xaneiro. Os horarios dos obradoiros serán de 10:00 h. a 14:00 h. Ofrécese a posibilidade de solicitar servizo de almorzo (de 9:00 h. a 10:00 h.), de comedor (de 14:00 h. a 15:00 h.) e horas a maiores, entre as 7.30 h. e as 10 h.; e entre as 15:00 h. e as 16:00 h.

O número total de prazas é de 45, 15 por cada unha das escolas infantís: Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños.

Compartir: