TURISMO

En marcha a XIII edición de Santiago(é)Tapas

10/11/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado do presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras e colaboradoras, inauguraron o XIII Santiago(é)tapas, que se celebrará do 11 ao 28 de novembro. O grupo achegouse ata o local gañador da tapa tradicional na pasada edición do concurso, Casa dos Xacobes, na rúa da Algalia de Abaixo 33, para probar o petisco que presenta nesta ocasión.

O XIII Santiago(é)Tapas, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, ofrecerá durante dúas semanas e media 59 petiscos de 38 locais composteláns.

As tapas dividiranse en dúas modalidades: tradicional e creativa, ambas cun prezo de entre 1,50 e 3,50 euros. Establecéronse cinco rutas ou (é)tapas que se poden consultar tanto na páxina web santiagoetapas.gal como no Tapasporte, á disposición do público nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na Rúa Salvadas, 29. Como novidade nesta edición creouse unha ruta extra veggie, con opcións para persoas vexetarianas, veganas ou flexitarianas.

Aqueles que vaian completando as diferentes (é)tapas gañarán diferentes agasallos que se poden consultar en santiagoetapas.gal Ademais, sortearase unha cea para dúas persoas no restaurante A Tafona -establecemento cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol- por cortesía de Cervezas Alhambra, entre todos aqueles que emitan o seu voto nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes.

Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros; e, por primeira vez, un premio á Mellor Tapa sen Glute, grazas á colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

O XIII Santiago(é)Tapas conta co patrocinio de Cervezas Alhambra que, na súa aposta pola gastronomía, impulsa o premio "Maridaxe Cervezas Alhambra" dotado con 500 euros en produto e a oportunidade de participar nun showcooking nalgún dos eventos promovidos pola marca. Cervezas Alhambra reivindica o tempo como o ingrediente principal á hora de abordar a gastronomía para desfrutar sen présas das mellores experiencias culinarias.

Tamén colaboran nesta edición do concurso Cash Récord, Fraga do Corvo e Utimaq, así como o CAB Obradoiro, a SD Compostela e o festival de cine Cineuropa, ademais da Asociación de Celíacos de Galicia.

Inauguración Santiago(é)Cóctel
O Pub Atlántico, gañador do I Santiago(é)Cóctel, na modalidade de cóctel creativo, acollerá mañá, xoves 11 de novembro, ás 18:00 horas o acto de inauguración da segunda edición deste concurso que organiza a Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss.

Neste II Santiago(é)Cóctel, que se desenvolverá de xeito paralelo ao Santiago(é)Tapas ata o vindeiro 28 de novembro, competirán 23 propostas de 15 locais composteláns.

Os cócteles dividiranse en dúas modalidades: sen alcohol, cun prezo de 5 euros, e con alcohol, de 6 euros. Premiaranse dous deles, con 500 euros cada un. Ademais, haberá un premio ao Mellor Gin Tonic Royal Bliss Tradicional e o Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, de 600 euros cada un.

Compartir: