ALCALDÍA

Asinados dous convenios cos colexios de Economistas da Coruña e de Avogados de Santiago, que teñen por obxecto facilitar a tramitación administrativa co Concello

09/11/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Economía, Facenda e Modernización da Administración Local, Marta Abal, asinou dous convenios de colaboración para o establecemento dun sistema de colaboración da administración tributaria entre o Concello de Santiago e os colexios de Economistas da Coruña, e de Avogados de Santiago. Segundo explicou Marta Abal, estes convenios "supoñen un avance máis no proceso de facilitar ás diferentes persoas usuarias dos servizos administrativos, en particular de Tesouraría municipal, a tramitación administrativa co Concello".

O convenio co Colexio de Avogados de Santiago foi asinado entre o alcalde e o decano da entidade colexial, Francisco José Rabuñal Mosquera; quen destacou a importancia da colaboración, "porque facilitar moito os trámites co Concello, sobre todo en materia tributaria". Por parte do Colexio de Economistas da Coruña asinou tamén o seu decano-presidente, Miguel Ángel Vázquez Taín. "Supón un paso máis nese proceso de colaboración entre as administracións e administrados, e de traballo conxunto por vía electrónica. Pode facilitar moito o presentar determinados procedementos", subliñou.

Obxectivo
Estes dous convenios, con custe cero para o Concello, teñen por obxecto establecer un sistema de colaboración entre a administración tributaria municipal e os dous colexios profesionais.

Neste proceso de impulso das novas tecnoloxías que está levando a cabo Concello de Santiago, ponse en marcha na SEDE un sistema de xestión tributaria en web para a totalidade dos ingresos municipais. Tanto o colexio de Avogados de Santiago, como o de Economistas da Coruña, adquiren a condición de colaboradores sociais, podendo, en representación de terceiras persoas, presentar e remitirlle telematicamente ao Concello autoliquidacións, declaracións, e calquera documento con transcendencia tributaria, previa autorización do obrigado tributario.

Ademais, os efectos deste convenio poderanse estender ás persoas ou entidades que sexan colexiados, asociados ou membros dalgún dos dous colexios. Cada economista ou avogado colexiado deberá asinar un documento individualizado de adhesión, que recolla expresamente a aceptación do contido íntegro do documento.

A tramitación da adhesión iniciarase mediante solicitude dirixida ao presidente do Colexio de Economistas da Coruña, ou do Colexio de Avogodados no caso dos letrados. Realizadas as oportunas comprobacións o colexio, mediante o correspondente trámite electrónico, dará traslado ao Concello do documento de adhesión convenientemente validado. Unha vez validado o documento de adhesión, a persoa interesada será dada de alta como colaborador social na aplicación de ingresos da plataforma de administración electrónica do Concello.

Compartir: