ACCIÓN CULTURAL

Volven as Xornadas de Ilustración Urbana cunha fórmula mixta, en liña e presencial

09/11/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá na sala de prensa do Concello a sexta edición das Xornadas de Ilustración Urbana, acompañada da coordinadora das xornadas, Gemma Sesar. Este evento conta co apoio da Deputación provincial da Coruña e o deputado de cultura, Xurxo Couto, estará presente na xornada inaugural que será sábado 13 ás 16.30h no Auditorio de Galicia.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, convidou a toda a cidadanía a participar nunha xornada que cualificou como festiva e que se celebrará o sábado día 13 de novembro, mañá e tarde, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Pola súa banda, Gemma Sesar destacou que a xornada estará cargada de novidades e sorpresas. A programación divídese en tres bloques:

Xornadas de Ilustración Urbana en liña a través de Zoom de 11.00h a 12.50 h
Durante a mañá do sábado realizarase unha xornada a través de Zoom onde as ilustradoras Paula Bonet, Ana Penyas e Inma Otero charlarán con Maru Godás sobre os seus traballos no mundo da ilustración. Tras cada intervención veremos un vídeo coas entrevistas realizadas ás mesmas durante a edición primavera de Compostela Ilustrada. A inscrición é gratuíta en: www.xornadasdeilustracionurbana.com

Premio cadernos de viaxe Compostela Ilustrada
Tamén na mañá de sábado teremos a terceira edición do Premio de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, no que poderá participar calquera persoa maior de idade inscribíndose na web do evento: www.xornadasdeilustracionurbana.com.

As e os debuxantes poderán plasmar no caderno a esencia da cidade reflectida nunha imaxe, un detalle unha idea, un bosquexo.

Xornadas de Ilustración Urbana presenciais. A partir das 16.30 h
Ás 16.30 inauguraranse as xornadas con tres sesións na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. A primeira delas estará dedicada á caligrafía coa artista María Sancho; logo chegará a quenda da ilustradora científica Sarela Lorenzo que nos ensinará a debuxar a natureza, e, finalmente, Mr. Cool porá música a un concerto ilustrado no que se realizará un mural colaborativo entre todos e todas as asistentes.
Todos estes talleres, por primeira vez, estarán abertos ao público familiar, para nenos e nenas a partir de oito anos. Cada participante deberá traer cadernos A4, un lapis, goma de borrar e lapis de cores e estar acompañada/o dun adulto.

Os convites para a xornada presencial poden retirarse na web compostelacultura.gal e na Zona C.

Compartir: