TURISMO

Sindo Guinarte amosa no Fairway o compromiso do Concello coa sostibilidade turística

08/11/2021 Nesta xornada do IV Forum do Camiño de Santiago, adicado ao eido máis profesional, tamén participou a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil. Foi na mesa de debate titulada "Reactivando o Camiño de Santiago".

A cuarta edición do Fairway, o IV Forum sobre o Camiño de Santiago que integra feira e congreso, arrincou este domingo no Pazo de Congresos da capital de Galicia e este luns estivo centrado na parte máis profesional. Na conferencia inaugural da xornada participou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, que estivo acompañado polo codirector do Fairway, Tono Mugico, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

A ponencia xirou en torno ao turismo e a sustentabilidade. Neste senso, o edil compostelán salientou a importancia de aunar ese "espazo de unión na idea de desenvolver un modelo turístico rentable, xerador de riqueza e emprego, integrado harmonicamente na vida da cidade e respectuouso co medio ambiente"

Así mesmo, explicou Guinarte, "neste espazo sitúase o Plan de Sostibilidade Turística 2021-2023 no que está a traballar o Concello de Santiago". Este plan, cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Xunta de Galicia e o propio Concello, ten un obxectivo claro: "evolucionar o modelo turístico da cidade cara un modelo que permita conxugar a rendibilidade económica do sector coa vida normal das persoas residentes e o coidado do planeta", explicou o concelleiro de turismo compostelán.

Pola súa parte, a xerente de Turismo de Santiago participou na mesa de debate "Reactivando o Camiño de Santiago". Flavia Ramil quixo reflexionar sobre a reactivación de Santiago, "non só como punto final da Ruta Xacobea, senón tamén como destino turístico". Neste senso, a responsable de Turismo de Santiago salientou que "somos unha cidade Patrimonio Histórico da Humanidade, cunha Universidade con máis de cinco séculos de historia e contamos cunha gran oferta gastronómica, cultural, espazos verdes e de ocio para múltiples tipos de turismo".

Por último, Flavia Ramil quixo destacar os bos datos turísticos acadados nos últimos meses, con case 50.000 pernoctacións en setembro. " Un crecemento que nos fai ser optimistas con respecto a 2022", salientou a xerente de Turismo de Santiago.

Compartir: