XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a Oferta de Emprego Público para 2021, na que destacan 12 novas prazas de policía local

08/11/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a Oferta de Emprego Público do Concello de Santiago de persoal funcionario para o ano 2021, que contempla un total de 23 prazas de quenda libre, das que dúas están reservadas para persoas con discapacidade; e cinco de promoción interna. Dos acordos adoptados informou en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

As 23 prazas de quenda libre son para cubrir os seguintes postos:

1 técnico/a de xestión. Grupo A2
5 administrativos. Grupo C1
1 auxiliar administrativo. Grupo C2
1 arquiveiro. Grupo A1
1 xornalista. Grupo A1.
1 técnico informático medio/a. Grupo A2
1 bombeiro/a condutor/a. Grupo C2
12 policías (3 deles/as de mobilidade interadministrativa). Grupo C2.

Dúas destas prazas, 1 de administrativo/a e outra de auxiliar administrativo/a, están reservadas para persoas con discapacidade.

Para a quenda de promoción interna hai 5 prazas:

1 inspector da Policía Local. Grupo A1
3 oficiais da Policía Local (1 por mobilidade administrativa). Grupo C1
1 cabo do servizo de extinción de incendios. Grupo C2.

Por outra banda, o executivo municipal aprobou o expediente denominado Medidas correctoras para o estadio de San Lázaro segundo o estudo integral de patoloxías (fase III) - separata nº 1: Reparación urxente torres de iluminación e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 140.323,99 euros, IVE incluido.

Tamén se deu luz verde ao recoñecemento das obrigas derivadas do veredicto do xurado do "XIV Premio Internacional "Compostela de Álbums Ilustrados", por importe de 9.000 euros. Desta cantidade, o concello de Santiago de Compostela aporta 8.000 euros e a Editorial Kalandraka os 1.000 euros restantes. A persoa premiada nesta edición é Marina Gibert Oliva.

Outros asuntos
Na rolda de prensa o alcalde tamén informou sobre os "Bonos Corazón Compostela", aos que o Concello de Santiago destina 600.000 euros. Sinalou que houbo un impulso importante, despois de que o pasado venres entrase en vigor a ampliación dos tipos de bonos, que quedaron establecidos en tres: o de 75 euros, xa vixente; e dous novos de 50 e 30 euros. Pero, engadiu, "aínda queda moito camiño por percorrer".

Actualmente, segundo as cifras ofrecidas por Sánchez Bugallo, retiráronse 5.783 bonos, e hai 323 establecementos adheridos. O alcalde anima á cidadanía a utilizar estes bonos e recorda que hai de prazo ata o 10 de decembro. A través de estes bonos, que se poden descargar na aplicación, https://bonoscorazoncompostela.gal/, o Concello de Santiago financia o 40% do gasto nos comercios e locais de hostalería inscritos no programa.

O alcalde tamén lle pediu á cidadanía que ainda non votase pola árbore europea do ano, que apoie a candidatura do "Carballo do bosque do banquete de Conxo". "Tivemos un impulso importante, e xa imos con aproximadamente 3.200 votos de diferenza respecto do segundo clasificado", a "Sabina de Blancas". O rexedor recordou que o goberno de Aragón fixo un chamamento, esta fin de semana, para votar por esta árbore, localizada en Teruel. Por iso insiste na importancia de seguir apoiando ao carballo de Conxo, para afianzar esa primeira posición.

Documentos relacionados



Compartir: