POLÍTICAS SOCIAIS E SAÚDE

Asinado coa USC o convenio para o desenvolvemento do "Programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social"

05/11/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, asinou co reitor da USC, Antonio López, o convenio de colaboración para o desenvolvemento do "Programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social" correspondente a 2021, por un importe de 10.000 euros.

Os principais obxectivos deste proxecto, segundo explicou a concelleira Mila Castro son contribuír á mellora do benestar social das persoas en risco de exclusión social a través da mellora da súa saúde dental; e fomentar a adquisición de hábitos de hixiene oral preventivos e conductas saudables para evitar a aparición de novas patoloxías bucodentais. Cubre as necesidades de saúde dental que non están incluidas na Seguridade Social a ese segmento da poboación que no pode acudir, por falta de recursos, ao sistema privado. Ademais, apuntou Antonio López, permitirá facer prácticas ao alumnado da facultade de Odontoloxía.

A mala saúde bucodental, segundo sinalou o alcalde Sánchez Bugallo, tamén é un obstáculo "para acadar a recuperación e reintegración social" de persoas en situación de desemprego, polo que este programa pode axudalos, continuou, a mellorar "a súa saúde, a súa autoestima e as súas posibilidades de inserción laboral".

Na sinatura do convenio tambén estaban presentes María Jesús Mora, vicedecana da Facultade de Medicina-Odontoloxía; e o vicerreitor de Calidade da USC. Jacobo Limeres indicou que xa foron avaliadas, polo departamento de Servizos Sociais, 39 persoas, das que 28 se van incluir no tratamento. "Nalgúns casos provoca un beneficio familiar, son familias as que se van beneficiar deste convenio, polo que a dimensión social é moi relevante", indicou. Limeres engadiu que o programa permitira atender, ata final de ano e co actual orzamento, ata medio centenar de pacientes.

A idade das persoas beneficiarias vai dos 5 aos 80 anos. O programa levarase a cabo no edificio da facultade de Odontoloxía; e implicará ao persoal docente de materias clínicas do Grao de Odontoloxía; ao alumnado de 3º, 4º e 5º curso; ao persoal de Administración e Servizos asociados ás tarefas clínicas e á Área Asistencial do edificio de Odontoloxía da USC.

Compartir: