EDUCACIÓN

Asinado o convenio co IES Rosalía de Castro para contribuir ao financiamento do Bacharelato Internacional

05/11/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado do concelleiro de Educación, Rubén Prol, asinou o convenio de colaboración correspondente a 2021 co director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño, para o contribuir ao financiamento do Bacharelato Internacional, cunha subvención de 6.208 euros.

Esta subvención, de acordo co contemplado no artigo 28.3 a) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvención, ten carácter singular xa que é a única modalidade deste bacharelato que se imparte na cidade de Santiago de Compostela, polo que non procede a súa convocatoria pública.

En España hai 45 centros que ofrecen o Bacharelato Internacional, nalgunha das súas tres modalidades. De todos eles, 20 son centros públicos. O IES Rosalía de Castro incorporou este tipo de ensino no ano 1989 e dende entón ven preparando con éxito xeracións de estudantes. Cada ano teñen unha media de 55 alumnos/as matriculados neste tipo de Bacharelato.

A obtención deste bacharelato permite aos seus graduados cumprir cos requisitos de varios sistemas europeos de educación. O modelo do seu programa de estudios non se basea no de ningún país concreto, aínda que integra os mellores elementos de moitos deles.

As características definitorias do Bacharelato Internacional son:

-Unha mellor preparación para o futuro académico.
- Os grupos son máis reducidos e o ensino máis personalizado.
- Apréndese a estudar e traballar dunha forma máis parecida á que se pedirá na Universidade.
- Apréndese a investigar.
- Aprenden a expresarse con corrección e eficacia, oralmente e por escrito, en español e inglés/alemán/francés.

No acto da sinatura tamén estaba presente Arantxa Fuentes, profesora de Literatura Universal e coordinadora do Bacharelato Internacional.

Compartir: