XUVENTUDE

Arrancan en catro institutos da cidade as representacións de Teatro Foro, a actividade da Concellería de Mocidade para fomentar a aprendizaxe emocional entre a xuventude

04/11/2021 O departamento de Mocidade do Concello de Santiago está a impulsar un proxecto de teatro foro para a abordaxe dos impactos emocionais derivados da pandemia, o coñecido como teatro foro, actividade que presentaron en rolda de prensa o concelleiro, Rubén Prol, e o educador social encargado do seu desenvolvemento Ramón Molina. As obras creadas no marco deste proxecto comezarán a representarse este trimestre en catro institutos da cidade.

O teatro foro é unha técnica teatral que xorde do Teatro do Oprimido creado polo dramaturgo brasileiro Augusto Boal, e que permite abordar diversas problemáticas sociais e educativas. "Dende o teatro foro", indicou o concelleiro, "preténdese dotar ao alumnado das competencias emocionais, empregando situacións concretas, neste caso derivadas da pandemia, como un espazo de aprendizaxe de devanditas competencias".

Como lembrou Ramón Molina, "normalmente os proxectos de teatro foro que impulsa o concello implican directamente ao alumnado na creación e preparación das pezas, para logo desenvolver as sesións de teatro foro no seu propio centro, pero nesta ocasión derivado da pandemia o proceso seguido foi diferente", con 3 fases centrais:

-Aproximación aos centros educativos:

Ao remate do curso pasado efectuáronse algúns obradoiros de educación emocional, para coñecer a percepción do alumnado ao redor da pandemia, identificar as situacións que máis lle preocupaban, e como estaban a vivir esta situación. O obxectivo fundamental destes obradoiros eran identificar situacións que puideran reflectirse nas pezas de teatro foro que se crearían posteriormente.

-Creación das pezas de teatro foro:

Un equipo de 3 educadores/as sociais crearon as pezas de teatro foro, tentando reflectir a realidade vivida polo alumnado, e que nos permitan crear situacións de aprendizaxe das competencias emocionais (regulación emocional, expresión emocional, competencias sociais, conciencia emocional, autonomía emocional, etc...).

-Representación das pezas de teatro foro nos centros educativos:

O equipo de educadores/as sociais representa as pezas nos centros ao longo deste trimestre, e desenvolve as sesións de teatro foro, nas que o alumnado participa como "espect-actor" e debe intervir na peza representada para axudar a determinados personaxes, efectuando propostas para afrontar determinadas situacións. "Este é o espazo de aprendizaxe emocional que persegue o proxecto", abundou Prol.

Ao longo deste trimestre son 4 os centros que teñen confirmada a súa participación neste proxecto de teatro foro ( IES Rosalía de Castro, IES Xelmírez II, IES Sar e IES Pontepedriña), "se ben estamos a espera de poder confirmar outros centros", subliñou Molina. En total, "estimamos que participarán arredor de 750 alumnos".

Compartir: