TURISMO

O Palacio de Congresos acolle do 7 ao 9 de novembro Fairway, o Fórum do Camiño de Santiago, que aspira a congregar a máis de 4.500 visitantes

03/11/2021 O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago, Sindo Guinarte, participou hoxe na presentación da cuarta edición de Fairway, que aspira a igualar ou mesmo superar as cifras de visitantes rexistradas na edición de 2019. Así, desde a organización do Fórum do Camiño de Santiago, no que colabora o Concello, esperan que máis de 4.500 persoas se acheguen entre os días 7 e 9 de novembro ao Palacio de Congresos para participar nalgunha das actividades deste evento.

Fairway presentouse esta mañá no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago. Ademais de Sindo Guinarte, o acto contou coa presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e dos tres codirectores do foro, Ana Trevisani (Trevisani), Manuel Oreiro (Viaxes Viloria) e Tono Mugico (Mr Turismo).

Na súa intervención, Sindo Guinarte sinalou que a ruta xacobea é parte da esencia da nosa cidade. "Somos o punto final dun camiño milenario que, pese aos seus séculos de historia, está hoxe máis vivo que nunca. Só, por exemplo, quero lembrar que no 2019, no ano previo á pandemia que pechou os camiños, Santiago recibiu a preto de 350.000 peregrinos e peregrinas, procedentes de 190 países. Esta ampla diversidade de procedencias confirma que o Camiño de Santiago é un fenómeno global"; e tamén, continuou, "o núcleo dunha actividade económica moi importante para a nosa cidade e tamén para todos aqueles lugares polos que transcurre; xa que "xera un gran movemento ao seu arredor, dinamizando a economía, permitindo a creación de novas iniciativas empresariais e a xeración de postos de traballo".

Para Sindo Guinarte, a importancia de Fairway radica en que trata de "conxugar as posibilidades de desenvolvemento económico que aporta o Camiño de Santiago respetando en todo momento a súa esencia". "Confiamos que será un impulso máis para que o próximo Ano Santo Compostelán 2022 consolide a importante reactivación do Camiño de Santiago que estamos vivindo nos últimos meses", subliñou.

Máis de 80 expositores
Os máis de 1.800 m2 dispoñibles no Palacio de Congresos acollerán máis de 80 expositores tanto de carácter nacional como internacional. Fairway converterase nunha gran feira do turismo na que estarán representadas todas as comunidades autónomas polas que pasan os distintos Camiños de Santiago, ademais de organizacións e empresas que ofrecen os seus servizos nas diferentes Rutas Xacobeas, segundo indicou Ana Trevisani.

Ademais do propio espazo expositivo, Fairway abrirá novamente as súas portas coa celebración do Open Day, unha xornada na que se ofrecerán actividades para todos os públicos. Rutas pola cidade, gastronomía, relatorios, música, adopción de animais, escape rooms ou talleres de mindfulness centrarán gran parte da programación para este domingo 7 de novembro. Ademais do concerto de Xabier Díaz e de Carolina Rubirosa, o foro contará coa presentación de dúas publicacións: "O Cairo de Santiago", da actriz, cómica e presentadora de TV, Sara Escudeiro; e a "Guía Máxica do Camiño de Santiago", do xornalista e escritor Fran Contreras.

Dous mil reunións de negocio
Ademais, segundo explicou Manuel Oreiro, Fairway ofrece a posibilidade de manter reunións de negocio entre os profesionais do sector. Para esta cuarta edición, e dadas as actuais restricións á hora de viaxar desde o estranxeiro, apóstase por un formato híbrido para a celebración dos devanditos encontros. Contará con 35 "hosted buyers" que se reunirán con turoperadores internacionais tanto de modo presencial como virtual, cunha estimación de 2.000 reunións de negocios axendadas.

Ademais, e co fin de dar a coñecer a experiencia das peregrinacións, tamén se organizarán dous "Famtrips", nos que participarán preto dunha trintena de turoperadores e medios de comunicación, polos Camiños Inglés e Portugués. Neste último caso, e por primeira vez, o percorrido comezará desde Porto. Trátase dunha aposta máis pola internacionalización de Fairway, froito do interese suscitado polo Fórum entre profesionais do sector turístico.

Espazo para a formación e o debate
Outras das seccións son os "Fairway Academy" e o Congreso. Tal e como indicou Tono Mugico, no primeiro caso, apóstase por un programa centrado na mercadotecnia dixital e que tenta responder ás necesidades dos técnicos. Son tres talleres e tres mesas redondas nas que participarán destacados expertos do sector, así como profesionais de empresas e organizacións que realizarán as súas achegas baseadas na experiencia.

En canto á sección de Congreso, o principal obxectivo é tratar temáticas de interese para o sector, especialmente nesta era pre-post COVID. Ao mesmo tempo, realizarase un repaso a outras cuestións tratadas en edicións anteriores de Fairway para coñecer como se atopa o sector na actualidade.

As persoas que desexen asistir a Fairway só teñen que formalizar a inscrición a través desta páxina web

Compartir: