URBANISMO

O Plan de Recuperación do Goberno Central permitirá, segundo sinalou o alcalde, ampliar e reforzar as políticas de vivenda en Santiago

03/11/2021 A oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación do Concello de Santiago, foi hoxe escenario da presentación das actuacións en materia de vivienda que financiará o Goberno de España con fondos do Mecanismo Europeo de Rehabilitación. No acto estiveron presentes o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen anunciou unha primeira transferencia de 67,2 millóns de euros á Xunta para impulsar a rehabilitación de 3.000 vivendas en Galicia; a concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón; e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Despois de percorrer as dependencias da oficina de Cidade Histórica, situada no edificio de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, o alcalde sinalou que estas axudas representan "un impulso extraordinario" para as políticas de vivenda, "a través dos planes do Goberno apoiados nos fondos europeos, que permitirán dotarnos de fondos, de persoal e de elementos que poidan impulsar, ampliar e reforzar todas as políticas de rehabilitación" do Concello de Santiago.

"Agradezo", continuou Sánchez Bugallo, "a sensibilidade do goberno por destinar unha parte importate dos fondos a políticas de rehabilitación e a políticas de rexeneración urbana, que son absolutamente imprescindibles e que poden supor unha transformación importante das cidades".

A continuación, José Miñones presentou o impacto en Galicia do compoñente adicado á rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.

O delegado avanzou que o Plan de Recuperación permitirá a execución de 3.000 actuacións de rehabilitación en casas, edificios e barrios e a construción de 1.100 vivendas para aluguer social en edificios enerxeticamente sostibles.

José Miñones subliñou que, nos vindeiros días, o Ministerio de Transportes transferirá á Xunta os primeiros 67,2 millóns de euros cos que a Administración Autonómica poderá financiar convocatorias de achegas para a rehabilitación de barrios, edificios, actuacións de mellora de eficiencia enerxética, redacción de proxectos ou programas de apoio ás oficinas de rehabilitación: "Esta será a primeira anualidade, que se repetirá o vindeiro ano ata sumar 134,5 millóns de euros para os fogares galegos. O Plan de Recuperación supón un impulso á rehabilitación e a rexeneración urbana como nunca antes se fixo", subliñou.

Plan de Rehabilitación e Rexeneración Urbana
O compoñente do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia adicado á rexeneración urbana contempla seis programas dos que catro son xestionados polo Ministerio de Transportes e, os dous restantes, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A materialización destes programas realízase a través dun modelo de cogobernanza coas comunidades autónomas e as entidades locais, ás que o Goberno transferirá fondos para que executen directamente ou ben realicen convocatorias de axudas, en función de cada programa. No caso de Galicia, o delegado avanzou que os compromisos do departamento liderado pola ministra Raquel Sánchez suman ata o momento 220 millóns de euros. E lembrou que se sumarán novas partidas a medida que avance a execución do Plan, que remata en 2023.

O delegado do Goberno lembrou a necesaria implicación das comunidades na execución do Plan de Recuperación, un compromiso imprescindible que asumiron nas distintas reunións e conferencias e que agarda recibir da Xunta xa que "non podemos permitirnos perder nin un só euro na recuperación de Galicia". "Toca poñerse a xestionar de verdade para que estes fondos chegue aos fogares e se executen na súa totalidade", insistiu ao tempo que manifestou que agarda do Executivo galego una xestión eficaz, á altura dun tema tan sensible como o da vivenda

Unha idea compartida polo alcalde e pola responsable de Urbanismo e Cidade Histórica. Mercedes Rosón recordou que "quen ten todas as competencias" en vivenda é a Xunta de Galicia"; e que desde o Concello, "estamos traballando de xeito intenso" neste ámbito. Un exemplo, continuou, é a "declaración de intereses que fixemos a principios de ano", na que, aos ámbitos de actuación declarados de Cidade Histórica, e os ARI de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre, vanse sumar agora "todas as vivendas de metade do século XX, moitas delas vivendas sociais, que están espalladas por todo o territorio da nosa cidade".

"Temos avanzado moito traballo e esperamos comezar axiña unha vez que reforcemos a oficina", engadiu, "porque con este volume de recursos necesitamos ter un apoio, como precisarán todas as oficinas de rehabilitación de Galicia". Estes fondos, sinalou, "van permitir transformar dunha forma importante a vida da xente da nosa cidade, sobre todo aquela que está nunha situación máis vulnerable, e que precisa destas axudas".

Liñas de actuación
Na presentación, o delegado do Goberno detallou as liñas de actuación na materia de vivenda e os primeiros compromisos orzamentarios acordados polo Ministerio de Transportes e as comunidades autónomas para garantir a súa execución:

-Programa de Rehabilitación para impulsar a recuperación en contornas urbanas e rurais. Neste investimento Galicia percibirá 137,5 millóns de euros, entre os que se atopan os 67,2 M que se transferirán de xeito inminente.

-Programa de construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes. Son fondos que se transferirán ás comunidades autónomas en dúas anualidades. A primeira, que se entregará a comezos de 2022, suporá para Galicia 30 millóns de euros aos que se sumarán outros 30 máis nunha segunda achega. O obxectivo é acadar en Galicia a construción de 1.100 vivendas deste tipo ao final do período.

-Programa de Impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep) que se dirixe á rehabilitación sostible do parque público institucional co obxectivo dun aforro enerxético superior ao 30%. No caso das CCAA transferiranse directamente os fondos en función dos proxectos e sempre garantindo o equilibrio territorial. De acordo co aprobado na Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo, a Xunta de Galicia recibiría 27,3 millóns de euros.

-Finalmente, o programa de axudas para a elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana Española. Neste caso, xa se convocaron estas axudas destinadas a concellos e deputacións.

Compartir: