TURISMO

Turismo de Santiago amosa a cidade a un grupo de profesionais MICE internacionais

02/11/2021 A entidade de promoción turística municipal amosou a cidade a axentes e organizadores de viaxes corporativos e de incentivo procedentes de Italia, Francia, Reino Unido e Noruega.

Turismo de Santiago, a traves do seu servizo para a promoción da cidade como destino de Congresos, o Santiago de Compostela Convention Bureau, amosou a cidade esta fin de semana a un grupo de profesionais do sector do turismo de incentivos, viaxes e reunións corporativas e eventos profesionais.

Os participantes nesta acción eran de Francia, Italia, Reino Unido e Noruega, interesados en coñecer Santiago de Compostela. O obxectivo da mesma era amosar as posibilidades da cidade como destino para acoller eventos internacionais, nun paso máis para a consolidación de Santiago como destino de congresos.

A viaxe deste grupo de profesionais foi a continuación da participación de Turismo de Santiago no "MIS International Edition", evento que se celebrou en Sevilla a semana pasada e na que se reuniu á mellor oferta de incentivos e eventos en España e Portugal con compradores internacionais seleccionados que tiñan interese en organizar accións na Península Ibérica.

Neste workshop especializado participaron 50 expositores de España e Portugal e 50 compradores internacionais, incluindo axencias de incentivos, axencias de eventos e organizadores corporativos europeos.

Con este par de accións complementarias, Turismo de Santiago continúa co traballo de posicionamento da cidade no segmento especializado do turismo de incentivos e eventos, que ten un gran potencial para a cidade porque estas reunións acostuman celebrarse fora da temporada alta e teñen un alto gasto medio por participante.

Trátase dunha acción paralela á campaña "Somos Anfitrións", organizada por Turismo de Santiago en colaboración coa USC co obxectivo de poñer en valor a cidade como destino de Congresos e animar e apoiar aos posibles prescriptores da Universidade de Santiago, dos centros de investigación da cidade e do Complexo Hospitalario Universitario para que presenten candidaturas para a organización de congesos na cidade.

Compartir: