XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local acorda o inicio da tramitación do Plan parcial do SUND-4 de Rebordaos

02/11/2021 A Xunta de Goberno Local acordou hoxe remitir á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do Plan parcial do SUND-4 (Rebordaos), na contorna do polígono do Tambre. Son, segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, máis de 164.000 metros cadrados, dos que uns 5.000 serán para equipamentos, e 113.000 para zonas verdes e "espazos libres".

Polo tanto, continuou, "máis do 75% da superficie destinaríase a dotacións públicas e equipamentos". O número máximo de vivendas a construír no sector é de 411. "Sería unha forma de ir completando a continuidade de Meixonfrío", sinalou.

Tamén destacou o alcalde, a aprobación da modificación das bases das axudas "Bonos corazón Compostela", ampliando a tres os bonos por beneficiario, creando dous novos bonos de importe inferior a 75 euros e e ampliando o importe do gasto por establecemento dos 6.250 euros actuais aos 10.000 euros.

Unha vez se publiquen estas modificacións no BOP (Boletín Oficial da Provincia) os "Bonos corazón Compostela" dividiranse en tres modalidades: cun valor de 75 euros, como os actuais; cun valor de 50 euros, e cun valor de 30 euros. Os bonos estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.

Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos. A persoa solicitante poderá escoller libremente entre calquera das tres modalidades dispoñibles e solicitar e obter máis dun bono da mesma modalidade. Os bonos poderán ser usados nun ou en varios dos establecementos adheridos ao programa.

O importe máximo de bonos que poderá trocar cada establecemento comercial ou hostaleiro é de 10.000 euros. Estas modificacións entrarán en vigor ás 09:00 h da mañá do mesmo día da súa publicación no BOP de A Coruña

Contratación
O executivo municipal tamén deu luz verde ao procedemento de adxudicación do expediente denominado "Posta en valor do entorno residencial (Camiño Inglés) e acceso ao conxunto parroquial da Barciela" (POS+ 2018 / Adicional 1 / 2ª fase)" e á apertura do procedemento de adxudicación baixo a modalidade aberto, establecéndose un tipo de licitación de 181.954,67 euros, IVE incluido. Este gasto irá con cargo á aplicación orzamentaria de "Investimentos Deputación da Coruña "Plan único de Concellos".

Tamén se aprobou o inicio do procedemento de licitación e autorización de gasto do expediente "Subministración e instalación de elementos novos para a renovación da área de xogos infantís do parque de Alfredo Vicenti"; e a autorización do gasto por un importe total de 85.000 euros.

Ademais, aprobouse o inicio do procedemento de licitación e autorización de gasto do expediente denominado "Curso de formación de acollida de bombeiros de nova incorporación para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento", por un importe de 61.505,09 euros.

Por outra banda, acordouse abrir o procedemento de licitación da concesión de uso privativo do dominio público das marquesiñas e mupis urbanos do Concello de Santiago de Compostela para a súa explotación publicitaria. O canon anual que deberá abonar o concesionario será o que conste na oferta que resulte adxudicataria, correspondendo o tipo mínimo anual da licitación a 92.000 euros.

Educación
Na Xunta de Goberno local, deuse conta do veredicto do xurado da "XIII Edición dos Premios Educacompostela de recursos didácticos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica". O primeiro premio foi para o traballo "Maleta de emerxencias pedagóxicas: materiais didácticos en aulas hospitalarios", presentado por Yésica Teijeiro Bóo, Jesús Rodríguez Rodríguez, Tania Caamaño Liñares, Antía Cores Torres, Ana Rodríguez Groba (da Facultade de Ciencias da Educación da USC); María Pilar Porta Rodríguez (mestra da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, CHUF) e María Elena Sobrino Fernández (mestra da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). O importe deste primeiro premio ascende a 1.200 euros.

O segundo premio, dotado con 900 euros, foi para o traballo "Sementar diálogos", presentado por María del Mar Santiago Arca. E o terceiro premio, cun importe de 60 euros para o proxecto "Afonso reporteiros", de María Isabel González Piñeiro.

Por outra banda, aprobouse o texto do "Convenio entre o Concello de Santiago e o IES Rosalía de Castro para o financiamento do Bacharelato Internacional", dotado con 6.208 euros; e o texto do "Convenio entre o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela para o Programa Universitario para Maiores, IV Ciclo".

Tamén se deu conta da sinatura dos convenios de colaboración asignados polo Concello de Santiago coa Asociación Área Empresarial do Tambre por 50.000 euros; e coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, por valor de 75.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: