TURISMO

Santiago suma máis de 45.000 pernoctacións internacionais en setembro

27/10/2021 O turismo español continuou superando amplamente as cifras previas á pandemia, superando as 100.000 pernoctacións no pasado mes.

Os establecementos hoteleiros de Santiago de Compostela alcanzaron no pasado setembro 47.009 pernoctacións internacionais, a mellor cifra dende que comezou a pandemia, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE). O turismo internacional está amosando un crecemento constante dende que se levantou o terceiro estado de alarma o pasado 9 de maio.

No mes de maio o número de pernoctacións internacionais foi de apenas 5.535. En xuño houbo 13.881. En xullo 26.962. En agosto 30.114. E en setembro subiron ata as 47.009. Este crecemento indica que o turismo internacional estase recuperando progresivamente na cidade, acompasado ao ritmo de levantamento ás restricións á mobilidade nos diferentes países.

Os datos de turismo internacional están aínda lonxe dos máximos históricos que se alcanzaran nos anos previos á pandemia. Pero a evolución mensual amosa a recuperación dos mercados internacionais. Así, no mes de maio de 2021 o descenso con respecto a maio do 2019 foi do 93%. En xuño foi do 82%. En xullo do 68%. En agosto do 53%. E en setembro do 49%.

Pola súa banda, o turismo español continuou en setembro en máximos históricos de pernoctacións na cidade, tal como sucedera en xullo e agosto, cunha forte reactivación da demanda. En setembro superáronse de novo as 100.000 pernoctacións, con 100.359, apenas 260 menos que no Ano Santo 2010. O crecemento respecto de setembro do 2019 foi do 36%.

En conxunto, entre xullo, agosto e setembro, os establecementos hoteleiros de Santiago sumaron 364.910 pernoctacións de turistas españois. É a maior cifra da serie histórica do INE, superando amplamente as 290.813 de 2019 e incluso as 323.357 do Ano Santo 2010, confirmando a forte reactivación do sector turístico na cidade no pasado verán.

No mes de setembro Santiago continuou tendo un comportamento moi positivo en relación á media dos destinos españois, cun descenso sustancialmente menor no número total de pernoctacións con respecto aos datos do 2019. O descenso medio en España foi do 31,7%, mentras que en Santiago foi vinte puntos menos, cunha baixada do 11,7%.

Compartir: