POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase á conmemoración do Día Nacional do Dano Cerebral

26/10/2021 Santiago acolleu este mediodía un acto organizado pola asociación Sarela para conmemorar o Día do Dano Cerebral, que dende o ano 2007 se celebra cada 26 de outubro. Comezou cunha camiñada que saíu da Alameda e rematou na praza do Obradoiro, onde se deu lectura a un manifesto por parte de familiares e persoas afectadas por esta enfermidade. No acto participaron, ademais da edila de Políticas Sociais, Mila Castro, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e os representantes dos grupos municipais.

Este ano, o título do manifesto é "AS PERSOAS CON DANO CEREBRAL NECESITAMOS REHABILITACIÓN ESPECIALIZADA. MAÑÁ PODES SER TI" e pon o foco na necesidade de que quen se atopa afectado pola doenza poida acceder "desde o minuto cero, a unha rehabilitación específica e especializada; independentemente de onde vivamos, da idade que teñamos, das secuelas que nos quedaran, ou do diñeiro da nosa conta bancaria".

No texto, a Federación Española de Dano Cerebral, que representa a 46 entidades e a máis de 11.000 persoas socias, reclama "que se impulse unha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral que garanta unha atención coordinada, integral e multidisciplinar a cada persoa con Dano Cerebral, independentemente da súa situación socioeconómica e do seu lugar de residencia; que se elabore un censo de persoas con Dano Cerebral para así poder dimensionar os recursos necesarios para a adecuada atención deste colectivo; que se cree a categoría diagnóstica "Dano Cerebral", aplicable no momento da alta hospitalaria; que se inclúa á familia como parte beneficiaria do proceso de atención, e non só como parte colaboradora; para que esta tamén reciba a información, formación e apoio psicolóxico que require durante todo o proceso; e que nos plans de atención sociosanitaria se teñan en conta as necesidades específicas das persoas con Dano Cerebral con maior vulnerabilidade, como son as persoas con dano cerebral severo, os menores con Dano Cerebral e as persoas con alteracións graves da conduta; así como das súas familias".

Documentos relacionados



Compartir: