SMARTIAGO

Comeza a fase de experimentación nun escenario real do proxecto Cromalux, enmarcado en Smartiago, coa iluminación intelixente da Casa do Cabido

25/10/2021 Esta noite tivo lugar, na Praza de Praterías, o acendido piloto da iluminación intelixente da Casa do Cabido, dentro da iniciativa denominada Cromalux, enmarcada no proxecto Smartiago, que ten como obxectivo o desenvolvemento de sistemas de alumeado innovadores en edificios patrimoniais, que van permitir reducir o consumo enerxético nun 80% e ralentizar o crecemento da biodiversidade sobre as súas fachadas.

Neste acto, ao que asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro responsable do proxecto Smartiago, Sindo Guinarte; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; Sebastián Pantoja, director de Programas Estratéxicos de Televés; así como distintos membros da Corporación Municipal, procedeuse a iluminar a fachada da Casa do Cabido. É o primeiro resultado tanxible de Smartiago, a primeira das solucións aos retos plantexados: iluminación intelixente, mobilidade e xestión sostible de residuos sólidos urbanos. Constitúe o arranque da fase de experimentación, nun escenario real, e permitirá reafirmar os bos resultados obtidos até o momento nos laboratorios e a través dos diversos experimentos realizados polos profesionais da USC.

Os resultados até o momento son moi positivos. O programa piloto que se estivo levando a cabo no patio da antiga cárcere do Pazo de Raxoi arroxa uns datos esperanzadores. Os valores que está a reportar a USC son realmente interesantes no que atingue á retardación do crecemento da biota e o seu respecto á biodiversidade; seguindo a mesma liña de bos resultados que se estaban obtendo en laboratorio.

Cromalux
Cromalux é un proxecto froito da colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e Televés, que á súa vez ten acordos comerciais e de colaboración coa USC e Ferrovial. É a resposta ao reto exposto ao redor da iluminación ornamental e o coidado do patrimonio da cidade dentro do proxecto Smartiago. Mediante esta liña de Iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio, preténdese mellorar a iluminación pública e a conservación de fachadas de elevado valor patrimonial, accións que supoñen un custe de 3,5 millóns de euros ao ano en electricidade e mantemento de luminarias, un 9% do Capítulo 2 do orzamento anual do Concello.

Nunha cidade como Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade, con elevada afluencia turística, a iluminación supón un valor engadido. Con esta contratación, realizada a través dunha Compra Pública de Innovación (CPI), o Concello pretende obter unha solución piloto que inhiba o crecemento de microbiota (organismos como líquenes) sobre os monumentos, facilitando a conservación dos mesmos a través da utilización de fontes monocromáticas ou policromáticas de luz LED, pero salvagardando a integridade física do patrimonio iluminado. Polo tanto, o proxecto Cromalux está dando resposta a esta necesidade, ao empregar a iluminación intelixente para protexer edificios e fachadas das agresións externas.

Este sistema de alumeado ornamental, pioneiro a nivel mundial adxudicouse a un consorcio do que forman parte a empresa Televés, Ferrovial e a USC (Universidade de Santiago de Compostela) por un importe de 613.581 euros, IVE engadido, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

As CPI, ou Compra Pública Innovadora non son compras de subministros. As empresas e entidades adxudicatarias comprométense a investigar e desenvolver a tecnoloxía que permita dar solución a problemas existentes. O paso seguinte é a explotación desa tecnoloxía, deses novos produtos desenvolvidos.

Smartiago
O proxecto Smartiago estase desenvolvendo en virtude dun convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela. Trátase dun importante proxecto, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

O proxecto Smartiago xa foi premiado polo Colexio de Enxeñaría Informática, e nestes momentos é finalista dos premios Procura + Awards, na categoría de 'Compra pública e innovación do ano'; e nos Premios Europeos de Adquisición da Innovación (EUIPA) 2021, outorgados polo programa Horizon Europe, co apoio do Consello Europeo de Innovación.

Compartir: