ALCALDÍA

O alcalde reivindica a necesidade dun envellecemento "activo e produtivo" para a sociedade na apertura dos Diálogos sobre o futuro

25/10/2021 Xosé Sánchez Bugallo reivindicou o papel dos maiores de 65 anos na sociedade actual no acto de inauguración dos Diálogos sobre o futuro do envellecemento, que hoxe se celebrou en Santiago de Compostela. O acto contou coa presenza Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; e Diego Canga Fano, conselleiro Principal da DG de Agricultura e Medio Rural da Comisión Europea, entre outras autoridades. O encontro está organizado pola Moncloa, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Concello de Santiago de Compostela, Afundación (Obra Social ABANCA), o Foro Económico de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela foi elixida para albergar, hoxe e mañá, o Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento por ser a capital dunha das comunidades autónomas cunha maior proporción de persoas en idades avanzadas e de poboación centenaria. O Diálogo busca enriquecer o debate público sobre o futuro do envellecemento demográfico do país e ofrecer á cidadanía a posibilidade de participar directamente na conversación sobre como deberiamos afrontar os retos e oportunidades que del se derivan.

No acto de inauguración, o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, fixo fincapé na urxencia de abordar o papel dos maiores na sociedade, dende o punto de vista "da necesidade pero tamén da oportunidade". "A clave, abondou o rexedor, é que consigamos un envellecemento que non só sexa activo, senón tamén produtivo, porque iso será útil para o propio colectivo e tamén para a sociedade", que sentirá, engadiu, que a poboación maior "non é unha carga", senón outro colectivo que achega a súa experiencia en prol "do desenvolvemento e a xustiza social". "É inviable que sexa doutra forma", remarcou.

Sánchez Bugallo cualificou de "moi oportuno" que este encontro se celebre en Santiago, capital dunha comunidade na que o "25% da poboación é maior de 65 anos", e ofreceu a participación activa do Concello "para seguir avanzando no proxecto España 2050".
Os Diálogos, abertos á participación de toda o mundo, constarán ao longo do luns 25 e o martes 26 de varias mesas de expertos e expertas, reunións de alto nivel e dous talleres nos que a cidadanía será a protagonista co obxectivo de estimular conversacións plurais, informadas e construtivas sobre o futuro.

Os Diálogos sobre o Futuro son unha iniciativa do Goberno, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e outras 70 institucións públicas (concellos, gobernos autonómicos, fundacións e universidades) que quere contribuír a impulsar conversas plurais, informadas e construtivas sobre as oportunidades e desafíos que traerá o mundo pos-COVID.

Os Diálogos terán lugar entre setembro e decembro do presente ano nas 17 Comunidades Autónomas. Incluirán 100 mesas de debate, 37 talleres cidadáns e reunións de alto nivel nas que participarán máis de 500 relatores, entre os que estarán o presidente e as vicepresidentas do Goberno, presidentes e conselleiros autonómicos, ministros, secretarios de estado, altos cargos e expertos da Comisión Europea e do Parlamento europeo, alcaldes, CEOs, emprendedores, académicos, xornalistas e líderes do terceiro sector e a sociedade civil.

Direccións relacionadas



Compartir: