ACCIÓN CULTURAL

Santiago acolle do 21 ao 24 de outubro o encontro do sector cultural e musical "SiSons Enclave Musical"

18/10/2021 O evento, aberto ao público e no que haberá charlas, ponencias, showcases, concertos e actividades paralelas, desenvolverase en distintos escenarios da cidade entre o 21 e o 24 de outubro. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o organizador, José Francisco Saavedra, presentaron o programa completo nunha rolda de prensa que rematou cunha interpretación da capela de Sheila Patricia, unhas das participantes.

SiSons Enclave Musical celebrase os días 21, 22, 23 e 24 de outubro de 2021 en varios escenarios da cidade, entre eles os centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Conxo e o Castiñeiriño. Trátase dunha reunión de profesionais do sector cultural e musical aberta ao público, con charlas, ponencias, showcases, concertos e actividades paralelas.

Como sinalou a concelleira de Acción Cultural, este proxecto xorde no marco das axudas ás entidades culturais do seu departamento e "é froito da colaboración entre distintas entidades tanto públicas como privadas". SiSons Enclave Musical está organizado por Musicarte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro; e nela colabora o Concello de Santiago a través da concellaría de Acción Cultural, a Deputación da Coruña, e a Xunta, entre outros patrocinadores. Mercedes Rosón sinalou que esta cita se une "ao Ateneo Barroco, que finaliza o próximo día 22. Sen dúbida, podemos dicir que esta é a semana da música en Compostela".

O organizador do evento, José Francisco Saavedra, agradeceu o apoio municipal e lembrou que "despois da situación vivida, o sector cultural sufriu as peores consecuencias que ocasionou esta crise; unha diminución drástica que se notou tanto nas actividades culturais, como nos ingresos. En calquera caso, o sector amosou unha grande madurez e rigor profesional, nun contexto complexo e en circunstancias moi difíciles, implementando todos os protocolos de saúde e confirmando que a cultura é segura".

Programa
Neste encontro de profesionais haberá música en directo tanto para eles como para os asistentes. "Creamos un novo formato que ten como obxectivo principal a dinamización da vida cultural e a promoción das actividades musicais e artísticas" e engadiu que "mirando cara o futuro con esperanza e ilusión, vislumbramos a necesidade de relanzar o sector cultural a través deste Enclave Musical en Santiago de Compostela, no que xuntamos un elenco de profesionais e artistas para dar os primeiros pasos nun proxecto de diálogo, creación de novas formas de difusión e impulso da música galega".

O programa completo, que tamén se desenvolverá no auditorio do Colexio La Salle e no espazo de San Roque da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, pode consultarse nesta , web, onde tamén se poden realizar as inscricións.

Direccións relacionadas



Compartir: