ACCIÓN CULTURAL

Mañá finaliza a terceira edición do laboratorio de arte urbana "Elas tamén pintan" con distintas intervencións artísticas no barrio de Conxo

15/10/2021 Mañá sábado, 16 de outubro, as rúas de Conxo acollerán a intervención simultánea de cinco artistas profesionais, que realizarán cadansúa peza con pintura plástica e/ou spray, inspirada na identidade e patrimonio do barrio. Con esta acción finaliza a terceira edición de "Elas tamén pintan", un programa artístico-educativo, impulsado por 7H Cooperativa Cultural e subvencionado polo Concello de Santiago a través da Convocatoria de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional 2021.

Os murais pintaranse entre as 09:00 h. e as 13:00 h. e entre as 15:00 h. e as 20:00 h. nas rúas Doutor Maceira, Manuel Beiras, Sánchez Freire e Conxo de Arriba. As intervencións artísticas correrán a cargo do Dúo Amazonas, Festa, Medianeras Murales, Minia Regos, Tamara Baz e +ETP Crew. Ademais, as participantes no programa, entre as que se atopan mulleres, mozas e mozos de distintas idades, realizarán o deseño e execución de dúas pezas murais de caracter contexutal. Estas pinturas tentarán rescatar e divulgar o acervo inmaterial da cidade, atendendo especialmente á visibilización da memoria viva do movemento feminista e LGTBIQ+.

Esta iniciativa irá acompañada de música; coa actuación, ás 13:00 h. no CSC de Conxo, de Catuxa Salom; e as 19:00 h., ruada a cargo de Somdolilá.

O programa de actividades desta terceira edición, que comezou o pasado 28 de setembro, combina clases teóricas con roteiros urbanos e obradoiros de creación a partir de tres módulos temáticos: "Coñecer", no que se revisa a historia da arte urbana desde unha perspectiva de xénero en sesións de debate e aprendizaxe horizontal; "Descubrir", orientado a rachar estereotipos a partir dunha aproximación ao contexto artístico local, analizando en dúas rutas as pezas existentes na cidade e identificando ás súas autoras; e "Crear", deseñado para facilitar ás participantes ferramentas e técnicas creativas para mudar o espazo público a través do deseño e execución colectiva de obras murais.

A vixente edición, que ademais de Conxo tamén se desenvolve nos barrios de Santa Marta, Pontepedriña-Castiñeiriño e Vista Alegre, ampliou a súa programación con respecto ás dúas anteriores implicando á veciñanza nos diferentes proceso creativos e incluíndo unha xornada lúdico-creativa, de peche (a que se celebra mañá ), con diversas actividades no espazo público que tenta deslocalizar a oferta cultural e achegala a públicos tradicionalmente afastados da expresión artística.

Elas tamén pintan
"Elas tamén Pintan", recoñecido co Premio Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña en 2018; é un laboratorio de arte urbana en clave feminista orientado a concienciar á mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo, e a dotar ás mulleres máis novas dun espazo formativo e de creación libre e seguro.

A través da combinación de sesións teóricas con roteiros e obradoiros de experimentación, este pioneiro programa artístico-educativo revisa a historia da arte urbana desde unha perspectiva de xénero, recoñecendo o traballo das artistas galegas, rachando estereotipos e facilitando ferramentas creativas ás participantes para a transformación artística igualitaria do espazo público.

A iniciativa, xa desenvolta no 2017 e 2018, procura visibilizar e reivindicar a presenza das mulleres artistas da arte urbana a través da creación dun espazo de formación teórica e de experimentación práctica. Utiliza, para elo, linguaxes e técnicas da disciplina que, ademais, permite transformar a cidade artísticamente e desde unha dimensión contexual e igualitaria; a través da participación activa da veciñanza dos barrios de Compostela.

Compartir: