ALCALDÍA

O alcalde destaca a recuperación económica de Santiago, a cidade galega na que máis baixou o desemprego no último ano

08/10/2021 O alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo, destacou hoxe a recuperación económica de Santiago de Compostela nesta etapa de pospandemia, con indicadores, como o de emprego, mellores que antes da crise sanitaria. En setembro había rexistradas, no municipio, 4.873 persoas desempregadas, unhas 600 persoas menos que en setembro de 2019. E en relación a hai un ano, hai aproximadamente 2.000 persoas desempregadas menos. Son, sinala, "os mellores datos desde 2009, os mellores dos últimos 12 anos".

No último ano, Santiago foi, das sete grandes urbes galegas, a cidade, "con gran diferenza", na que máis baixou o paro, un 23%. Na comarca compostelá esa baixada foi dun 20,6%. A media interanual galega, entre setembro de 2020 e setembro de 2021; é dun 13,3% de descenso. E a cidade que se sitúa a continuación de Santiago, nesta baixada, é A Coruña, cun 16,9% de descenso.

Se a comparación se fai entre este mes de setembro, e febreiro de 2020, o mes anterior á pandemia, Santiago sigue estando en primeiro lugar en canto a descenso do desemprego, un 12%, seguido de Pontevedra, cun 11,9%. Na comarca compostelá, este descenso foi do 11,3%. O alcalde destacou que neste momento, o número de parados en Santiago é similar ao do ano 2009. Aínda así, subliña, "queda moito camiño por percorrer para volver os niveis anteriores á crise de 2008".

Pero, o alcalde recoñece, que non todos os sectores económicos ni en todos "os ámbitos da cidade", a recuperación é igual. A Cidade Histórica, Ensanche e Fontiñas, con Área Central, son os que presentan mellores índices de recuperación. Entre os sectores con indicadores máis positivos "por enriba de 2019", segundo subliñou o rexedor, está alimentación; e outros como ocio ou transporte, aínda "seguen por debaixo dos datos de hai dous anos". Pero, resumiu, "o cómputo global é que agora mesmo Santiago está por enriba dos datos que tiña en 2019".

Nesta recuperación, destacou, é moi importante a recuperación do turismo, que cualificou como o principal "motor económico" de Santiago. Os datos dos últimos datos son positivos. En concreto, o que levamos de outubro, setembro e agosto, cualificounos de "excelentes". "Os datos que temos", engadiu, están por enriba dos rexistrados en 2019, "son claramente superiores, tanto en número de peregrinos, como en ocupación, como en vendas". Esta recuperación non leva aparellada unha masificación, como recordou, reflicte o informe Bodah de xestion de fluxos turísticos.

Sánchez Bugallo recoñece que para a recuperación do comercio e a hostalería, e para a creación de emprego é fundamental a recuperación do sector turístico. "Isto non quita", engade, que teñamos que seguir traballando na ampliación do tecido económico da cidade", así como noutros ámbitos.

Documentos relacionados



Compartir: