XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras para a construción duns novos aseos públicos na avenida de Raxoi

25/08/2021 En sesión extraordinaria da Xunta de Goberno, o Concello de Santiago adxudicou a obra de construción de aseos públicos na avenida de Raxoi e aprobou o acordo de distribución da subvención obtida no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

O Concello adxudicou a execución do proxecto duns novos aseos públicos na avenida de Raxoi á empresa IAM RUMBO INSTALACIONES Y OBRAS SL por un importe de 138.337,52 euros (IVE aparte do 21%: 29.050,88 euros), ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. Esta comprometía tamén unha ampliación do prazo de garantía das obras de 5 anos e un incremento do 2% do orzamento de control de calidade e do programa de actuación ambiental.

Os aseos construiranse en dous locais pertencentes ao Pazo de Raxoi. Trátase de dous espazos abovedados situados por debaixo da cota da praza do Obradoiro, con acceso dende a avenida de Raxoi. Haberá espazo diferenciado masculino e feminino e en cada un deles, un aseo accesible para o seu uso por persoas con discapacidade. A superficie útil total é de 99,60 metros cadrados; 48,80 metros para os aseos masculinos e 50,80 para os femininos.

A esta actuación, que conta cun prazo de execución de 5 meses, súmanse as de remodelación dos aseos xa existentes na rúa da Trindade e no Parque da Alameda, para dar resposta ao aumento de turistas e peregrinos no entorno.

Distribución da subvención de 2021 para as ARIs
A Xunta de Goberno tamén aprobou o acordo para a distribución dos fondos acadados no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda entre as Áreas de Rehabilitación Integral do Concello. Así, en contestación ao requirimento do IGVS de data 12 de agosto de 2021 no que se notifica un financiamento máximo imputable á anualidade 2021 dispoñible para a totalidade das Áreas declaradas no Concello de 1.379.866,00 € (1.096.524,00 € a cargo do Ministerio de Fomento e 283.342,00 € a cargo da Comunidade Autónoma), acórdase a seguinte distribución:

- Casco histórico de Santiago (fase 18): 146.856 euros
- Grupo de vivendas Compostela Quiroga Palacios (fase 8): 421.065 euros
- Vite (fase 4): 811.945 euros

Documentos relacionados



Compartir: